Unha delegación formada por dez representantes da rexión polaca da Pomerania Occidental percorreu esta mañá as instalacións da Tecnópole para coñecer o modelo de xestión da entidade de innovación galega. Logo de coñecer os servizos centrais do recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas, os mandatarios polacos, encabezados polo vicepresidente da rexión, Witold Jablónski, fixeron un percorrido polos laboratorios de Coren.
Na rexión da Pomerania Occidental, que ten 1,6 millóns de habitantes, creáronse recentemente catro parques industriais, dos que un deles, o Parque Tecnolóxico e de Investigacións de Szczecin, comparte obxectivos co Parque Tecnolóxico de Galicia, segundo os representantes polacos desprazados a Ourense, que mostraron interese en continuar os contactos coa Tecnópole para profundizar no modelo de xestión da entidade galega.
A visita forma parte do programa que o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) preparou para a delegación, formada por autoridades rexionais e locais da Pomerania occidental, no marco do proxecto ‘Xestión proecolóxica do espazo turístico’, cofinanciado por Islandia, Liechtenstein, Noruega e Polonia co obxectivo de fomentar a cooperación de territorios europeos para o crecemento e cohesión da nova Unión Europea.
A delegación atópase en Galicia desde o pasado mércores e continuará recabando información para o proxecto ata o vindeiro domingo.