Tal e como explicou o presidente do Consello de Administración e conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, constatado o éxito da comercialización de solo a prezos alcanzables e da posta en marcha de fórmulas novidosas que se adaptan a todo tipo de necesidades, os beneficios esténdense agora ao tecido empresarial de perfil innovador coa implantación de condicións moi vantaxosas no Parque Tecnolóxico de Galicia.
O marco de oportunidade especialmente vantaxoso para as empresas innovadoras débese a que, ao custo reducido para acceder a solo industrial, en Tecnópole súmanse o acceso a servizos avanzados de apoio empresarial, infraestruturas científico-tecnolóxicas de alto nivel -como o laboratorio de biotecnoloxía- e un ámbito de 91 empresas e centros tecnolóxicos cos que establecer alianzas e compartir coñecemento.
Tecnópole adhírese así ao plan de venda de solo industrial de titularidade da Xunta a prezos reducidos, que, no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, establece medidas que facilitan o acceso a terreo empresarial. O obxectivo é que o custo do solo non sexa un impedimento para novas iniciativas empresariais ou para a ampliación da actividade das pemes galegas xa activas, ao tempo que se atraen investimentos procedentes de fóra de Galicia. Segundo expuxo Conde, o primeiro ano de execución deste plan rexistrou un resultado ben claro: no ano 2015 vendeuse máis solo industrial que a suma dos anos 2012, 2013 e 2014.
4000 metros por 2100 euros anuais
A partir de agora, póñense os máis de 37.000 metros cadrados libres da superficie ampliada de Tecnópole a disposición das empresas, baixo catro modalidades diferentes. A fórmula máis novidosa, aprobada polo Consello de Administración, é a cesión do dereito de superficie durante 30 anos prorrogables, deseñada para favorecer o acceso a solo cun custo anual simbólico. O canon ascenderá ao 1,5% do prezo de venda durante os cinco primeiros anos e ao 2,5% os 25 anos restantes, con opción de compra durante os primeiros 15 anos. Deste modo, unha empresa pode ter o dereito de superficie dunha parcela de 4000 metros cadrados por só 2100 euros anuais durante os primeiros cinco anos.
A compra de terreo pode realizarse ao contado ou con pagamento aprazado, neste último caso cunha entrada do 20% e seis anos para aboar o resto do custo. Outra opción é o arrendamento con opción a compra, que supón o pagamento dun aluguer anual equivalente ao 10% do prezo de venda durante 10 anos, con opción de compra.
Este abano de fórmulas flexibles para o acceso a solo industrial reforza a estratexia de Tecnópole de adaptarse ás necesidades do tecido empresarial innovador para ofrecer oportunidades a proxectos de todo tipo. Así, á maior incubadora empresarial de Ourense, fóronse sumando oficinas en aluguer, un espazo de coworking e a modalidade de domiciliación virtual, que agora se complementan con parcelas con prezos e condicións sen precedentes.
(Fonte: Tecnópole)