Tecnópole publica unha guía en galego para animar ás rapazas a estudar carreiras vencelladas coa Ciencia e a Tecnoloxía

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- acaba de publicar en galego a guía Que quero ser de maior?. Forma parte do proxecto “Ciencia e Tecnoloxía en feminino” desenvolto pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España -APTE-, na que está integrada Tecnópole.

O obxectivo deste proxecto, que este ano cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de CTIM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) ou tamén denominado co seu equivalente en inglés como STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).

Tecnópole aposta pola promoción das vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos

Nesta guía ilustrada recóllense algúns exemplos de estudos científicos e tecnolóxicos e as súas posibles saídas profesionais. Desde o Parque Tecnolóxico de Galicia consideran que “os parques científicos e tecnolóxicos podemos contribuír en gran medida ao aumento da presenza feminina en carreiras STEM. A promoción das vocacións científicas e tecnolóxicas é unha das actividades pola que máis estamos a apostar nos últimos anos, sobre todo polo impacto que estas poden ter no desenvolvemento dun sistema de innovación competitivo, para o cal, é indispensable contar co 100% da sociedade”.

Na guía incídese no feito de que “a veces non é fácil descubrir a que nos queremos dedicar ou identificar o potencial que está dentro de cada unha de nós. Por iso, é importante coñecer as opcións que nos presentan as diferentes disciplinas de estudo e ter ben presente que non existen traballos de homes e traballos de mulleres, nin fáciles ou difíciles”. Nela amósanse algunhas das moitas posibles opcións profesionais nos eidos da Ciencia e a Tecnoloxía.. Neste documento indícanse as saídas profesionais dun total de 37 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. No campo da Arquitectura e Enxeñería destácanse: Arquitectura; Camiños, Canles e Portos; Minas; Montes; Agronomía; Topografía; Xeodesia e Cartografía; Automática e Electrónica Industrial; Telecomunicacións; Imaxe e Son; Naval; Aeronáutica; Industrial; Química; Reciclaxe e Informática.

No eido das Ciencias da Saúde abórdanse as titulacións de: Enfermería, Farmacia, Fisioterapia, Medicina, Logopedia, Odontoloxía, Veterinaria, Podoloxía, Nutrición e Ciencias dos Alimentos, e Biotecnoloxía e Xenética. E no campo das Ciencias: Matemáticas, Estatística, Bioloxía, Bioquímica, Xeoloxía, Ciencias Ambientais, Antropoloxía, Oceanografía, Física, Química, xunto a Óptica e Optometría.

Curiosidades científicas

Ao longo da guía tamén se amosan unha serie de curiosidades para os máis novos como que o primeiro robot humanoide da historia, chamado Elektro, se exhibiu no ano 1939. Tiña unha altura de 2,10 metros e 120 quilos de peso. Podía ver e distinguir cores grazas a unhas células fotoeléctricas. Tamén era capaz de moverse. Daba pasos cara diante e cara atrás, levantaba os brazos, contaba cos dedos, cantaba, pronunciaba máis de setecentas palabras, inchaba globos e fumaba cigarros.

Tamén se indica que é posible que unha persoa poida ter dous tipos distintos de ADN porque durante o embarazo os xemelgos poden intercambiar células entre si. Ou que a que a montaña máis alta da Terra é o volcán Mauna Kea, de máis de 10.000 metros de altura, situado na illa de Hawai.