Tecnópole presta soporte ás pemes galegas interesadas en reunións bilaterais na Eureka Innovation Week de Barcelona

As pemes galegas interesadas en manter encontros bilaterais con outras empresas ou entidades innovadoras no marco da Eureka Innovation Week de Barcelona poderán contar co soporte de Tecnópole, que dinamiza a participación galega no evento na súa condición de membro da rede Galactea Plus, o nodo español da Enterprise Europe Network (EEN).
 
A Eureka Innovation Week 2017, organizada pola EEN, está considerada o maior evento de Europa de achegamento da innovación ao mercado. Terá lugar entre o 15 e o 19 de maio e nel daranse cita empresas, universidades, administracións, centros de investigación e investidores de diferentes países de todo o mundo.
 
No seu papel de coorganizador do Brokerage Event que se celebra entre os días 16 e 18 de maio no marco da feira, Parque Tecnolóxico de Galicia anima ás pemes galegas a inscribirse gratuitamente na Eureka Innovation Week para acceder á oportunidade de atopar socios tecnolóxicos e comerciais entre as máis de mil empresas e entidades que se espera recibir. Unha vez que a organización recompile todas as solicitudes, realizará un intenso labor de identificación de intereses comúns cruzando os perfís de todos os participantes e organizará a axenda de encontros.
 
Espéranse participantes con intereses en tecnoloxías moi diversas, como as TIC, os novos materiais, a industria 4.0, a bioeconomía, o medio ambiente, a enerxía, as cidades intelixentes, o transporte e as ciencias da vida.
 
Novos socios, novas oportunidades
 
Os brokerage events son unha das ferramentas que mellor resultado lle está a dar á Enterprise Europe Network para propiciar acordos entre empresas. O seu alto valor engadido baséase en que permite ás empresas que acoden ás feiras internacionais complementar a visita das casetas con reunións planificadas ao redor dos seus obxectivos estratéxicos de mercado.
 
Os principais beneficios que obteñen os participantes son a garantía dunha axenda de reunións adaptada á súa dispoñibilidade, a identificación de potenciais socios internacionais para proxectos en colaboración, o contacto con empresas líderes e decisores e o establecemento de relacións comerciais duradeiras máis aló das súas fronteiras.