Tecnópole presenta ás empresas de Agrobiotech os servizos de internacionalización a través da European Enterprise Network

As pemes participantes no programa de aceleración Agrobiotech, promovido pola Axencia Galega de Innovación (Gain) coa colaboración de Tecnópole, poderán coñecer o próximo martes día 15 os servizos de internacionalización dispoñibles a través da European Enterprise Network (EEN).

A expansión do seu negocio ao mercado exterior é un obxectivo compartido por moitas das empresas participantes en Agrobiotech. O seu perfil especializado nos sectores da biotecnoloxía, a biomasa e a agroalimentación e a súa dimensión tecnolóxica convérteas en candidatas ideais para ter éxito a nivel internacional.

O soporte da EEN é de especial interese para as pemes galegas porque permite acceder a unha rede que non soamente ascende a súa actividade en Europa, senón tamén noutros países adheridos, como Estados Unidos, Canadá ou Xapón. Tecnópole é, xunto con Gain, a entidade de referencia en Galicia da EEN a través de Galactea Plus, o consorcio que dá cobertura á rede no noroeste de España, coa participación doutras sete entidades de Asturias, Cantabria e Castela e León.

Máis de 60 países

Durante o taller que se celebrará esta semana en Parque Tecnolóxico de Galicia, as pemes participantes en Agrobiotech poderán coñecer os servizos de internacionalización que presta a EEN como maior rede do mundo de información e asesoramento a pequenas e medianas empresas para promover a súa competitividade a nivel internacional.

Forman parte dela máis de 600 entidades de máis de 60 países, co obxectivo de multiplicar as oportunidades de éxito das pemes combinando a experiencia no mercado internacional que ofrece a rede no seu conxunto co coñecemento do ámbito máis inmediato que achegan as entidades locais que, como Tecnópole, funcionan como nodos.

As empresas usuarias poden atopar asesoramento integral para expandir o seu mercado fóra dos seus países de orixe, apoio ás actividades de innovación e soporte para atopar socios comerciais noutros países. Estas son algunhas das cuestións que as pemes adoitan atopar dificultades para xestionar por si soas, polo que o soporte experto pode marchar a diferenza á hora de saír ao mercado exterior con éxito.

(Fonte: Tecnópole)