Tecnópole, a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas e a entidade Technopol Moscow (The Science & Technology Association Technopol Moscow) colaboran na organización dun encontro entre empresas ourensás con compañías e entidades rusas co fin de facilitar colaboracións tecnolóxicas e comerciais.
O encontro, aberto á participación de todas as empresas da provincia de Ourense interesadas, terá lugar previsiblemente no mes de setembro no Parque Tecnolóxico de Galicia e organizarase en torno a entrevistas bilaterais con compañías e entidades rusas, ademais de visitas ás instalacións.
Para facelo posible, Tecnópole abriu un canal na súa web para que os empresarios interesados poidan indicar o perfil das empresas e entidades rusas que encaixarían coas súas demandas de colaboración internacional.
Technopol Moscow é unha organización de orixe rusa cuxa misión é favorecer e desenvolver o potencial científico e tecnolóxico de Rusia e dar soporte a empresas rusas e estranxeiras no campo da transferencia de tecnoloxía e a propiedade industrial. O seu obxectivo será localizar empresas e entidades rusas que se axusten ao perfil solicitado polos empresarios ourensáns e que estean dispostas a desprazarse a Galicia para participar en reunións bilaterais con eles.