Tecnópole posiciónase como o viveiro de empresas galego que máis emprego crea segundo un estudo da Universidade de México

Os viveiros de empresas en Galicia estanse convertendo nun dos motores na creación de emprego no país. Así o constata un estudo dos profesores da Universidade Autónoma de México Francisco Jesús Ferreiro Seoane, Jessica Mendoza Moheno e Martín Aubert Hernández Calzada, no que analizan o caso galego. Do estudo despréndese que o Centro de Empresas e Innovación de Tecnópole é o viveiro galego que máis emprego ten creado.

“Na situación económica con altas taxas de paro en España, as políticas de fomento do emprego vólvense imprescindibles”, introducen os autores, cuxo obxectivo foi “analizar a contribución ao mercado de traballo dos viveiros de empresa en Galicia, sendo necesario medir a creación de empresas, emprego e taxas de supervivencia, analizando ademais a eficacia dos recursos empregados polos viveiros para a consecución dos devanditos obxectivos”. Os investigadores tamén analizaron a eficacia das subvencións públicas outorgadas aos emprendedores para a xeración de postos de traballo.

Os seus resultados mostran que os viveiros en Galicia “son un instrumento que xera riqueza, a través da creación de empresas e xeración de emprego”. Respecto da eficacia das subvencións aos emprendedores para a creación de emprego, conclúen que “non existe unha contribución ao incremento da xeración de emprego nos que a reciben, aínda que sen elas habería un decrecemento na creación de postos de traballo e un incremento na precariedade laboral, o que xustifica a súa existencia”.

Os investigadores atopáronse con alguns obstáculos á hora de obter datos, xa que non existe “ninguna fonte oficial nin asociación que indique algo tan básico como o número de viveiros totais de Galicia e a súa ubicación, o que supuxo un grande esforzo para conseguir toda a información necesaria”, argumentan.

Si puideron constatar que Cataluña é a autonomía que “conta cunha maior porcentaxe de viveiros, seguida por Andalucía, Madrid e Valencia”, con datos de 2014, ano no que Galicia contaba con 22 viveiros de empresas cunha “forte concentración territorial”, sendo a cidade Ourense a que presenta a “maior porcentaxe”, seguida da Coruña, Santiago de Compostela e Lugo.

Os autores do estudo confirman que os viveiros veñen constituíndose como un motor para a creación de postos de traballo en Galicia, Así, “contribuíron en 2014 á xeración de emprego, mediante a creación de 1.150 empresas e 3.498 postos de traballo, supoñendo un aumento do 3,06% fronte ao ano anterior nas incubadoras de empresas”, expoñen. Ademais a taxa de abandono nos viveiros galegos é de tan só o 9,2%, fronte á media estatal, que se eleva ao 46,3%.

Segundo os investigadores, sen estas incubadoras de empresas o número de desempregados en Galicia “aumentaría nun 2,03% respecto dos desempregados existentes, polos 3.498 postos de traballo xerados nos viveiros”. Pero se se considera o emprego creado directamente grazas á acción destes viveiros, “o impacto de diminución do número de desempregados sería do 0,76%, o que significan 1.298 empregos”.

Subvencións

A porcentaxe de viveiros de empresas cuxo financiamento inclúe subvencións é do 80,56%. Para ver que influencia teñen as axudas públicas na creación de postos de traballo nos viveiros, os investigadores aplicaron a Análise de Varianza Unifactorial, comparando a creación de postos de traballo entre emprendedores que si recibiron subvención e aquelas que non. Así, constataron que “a media de emprego entre os que recibiron subvencións (3,81 postos de traballo) e os que non (3,82) é practicamente o mesmo, sendo significativo estatisticamente”.

Cos resultados obtidos, os autores sentenzan que “os emprendedores que recibiron subvencións non xeran máis emprego que os que non as recibiron”. Con todo, “non se pode afirmar categoricamente que son innecesarias, posto que o 90,9% dos que as reciben manifestaron que non crearían emprego sen estas axudas”, aclaran.

Doutra banda, os investigadores tamén salientan que estas subvencións “obrigan a unhas condicións, que respecten a categoría profesional e se manteñan os postos de traballo tres anos con contratos indefinidos”.

Con todo, consideran “un feito obxectivo que en Galicia os emprendedores dos viveiros de empresas que non recibiron axudas para a contratación xeraron a mesma taxa de emprego por actividade; que os que perciben axudas representan o 81,1% e que maioritariamente manifestan que non terían creado emprego sen estas axudas”.

Os máis dinámicos

As incubadoras de empresas que máis contribuíron á creación de emprego son Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (1.098 postos de traballo), en Ourense; a Fundación da Confederación de Empresarios de Lugo-Iniciativas por Lugo (475); UNINOVA-USC (441), vinculado á Universidade de Santiago de Compostela; o CIE A Granxa (252), promovido pola Zona Franca de Vigo; a Cámara de Comercio de Vigo (187) e o CIE Mans (160), na Coruña, que “tamén presentan un elevado número de postos de traballo creados”, indican os autores do estudo, que engaden: “Con todo, a pesar de que estes son os líderes, todos os viveiros contribúen ao mercado de traballo con postos que xeran emprego”.

Polo tanto, aínda que os denominados viveiros tecnolóxicos son os que máis emprego xeraron, “non se pode concluír que estes contribúan máis que os xeneralistas xestionados polas confederacións de empresarios ou Cámaras de Comercio”, manteñen os investigadores.

Nas súas conclusións, os autores salientan que “a correlación dun 96,6% entre a creación de empresas e emprego evidencia a importancia das políticas de fomento de empresas para combater o desemprego” e consideran que “os recursos dos viveiros de empresas son un factor relevante para a xeración de emprego” nestes, xa que “os viveiros con maiores volumes de recurso foron os xeradores de maiores volumes de emprego”.

Por último recoñecen que na súa investigación existe “unha limitación temporal”, xa que “o traballo está referido para un período de crise, o cal pode cambiar substancialmente se se estudan os efectos dos viveiros noutro contexto económico”, o cal fai necesario seguir a evolución dos viveiros nos próximos anos.

Estudo completo dispoñible aquí.

 
(Fonte: Galicia Confidencial)