Tecnópole pecha o seu ciclo de almorzos tecnolóxicos coa directora de Gain e a presentación da memoria do aniversario e o seu novo vídeo corporativo

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, pechará o próximo martes día 20 o ciclo de almorzos tecnolóxicos deste ano coa presentación do mapa de apoios públicos dispoñibles en 2017 para os axentes do Sistema Galego de I+D+I.

Durante o evento, que comezará ás 9.30 na terceira planta do Edificio CEI de Tecnópole, presentaranse tamén a memoria dos 25 anos do Parque Tecnolóxico de Galicia e o novo vídeo corporativo da entidade. O acto será de entrada libre logo de inscrición.

A directora de Gain fará un percorrido polos instrumentos de acompañamento á innovación que o seu departamento ten abertos este ano para todo tipo de axentes galegos de I+D+I, que cobren todas as etapas do proceso, dende o emprendemento innovador e a transferencia de coñecemento á innovación público-privada ou a compra pública innovadora.

Polo que se refire á memoria dos 25 anos de Tecnópole e o seu novo vídeo corporativo, en ambos os dous casos os protagonistas son as empresas e os centros tecnolóxicos que compoñen a nómina de máis dun centenar de entidades con sede no Parque Tecnolóxico.

O peche do ciclo de almorzos tecnolóxicos deste ano coincide así co comezo dos eventos de conmemoración do 25 aniversario de Tecnópole, que se concentrarán no último cuadrimestre do ano.

(Fonte: Tecnópole)