Tecnópole participa nos grupos de traballo de APTE para analizar as oportunidades dos parques en H2020 e fondos estruturais da UE

A sede da Casa de Galicia en Madrid acolleu hai uns días unha xornada organizada pola Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España (APTE) para reunir aos técnicos das entidades que a forman, co fin de examinar os avances realizados durante 2014 nos grupos de traballo establecidos de cara a detectar oportunidades no programa Horizonte 2020, os fondos estruturais e os novos servizos a desenvolver polos parques.
 
O evento comezou cun relatorio a cargo de Javier García Serrano, da División de Programas da UE do CDTI, que presentou unha análise sobre a participación española nas primeiras convocatorias de Horizonte 2020, que se caracterizan principalmente por unha alta participación, moita competencia e unha baixa taxa de éxito. Segundo as primeiras conclusións presentadas, o 10,2% dos proxectos financiados por Europa estiveron coordinados por España.
 
Durante o workshop, os técnicos dos parques dividíronse en grupos para traballar sobre os 3 puntos previstos no seminario: Horizonte 2020, análise sobre os servizos que ofrecen os parques e fondos estruturais.

A actividade relacionada con Horizonte 2020 centrouse en dos puntos clave: como facer o seguimento das solicitudes presentadas nos parques para estas convocatorias e a estratexia de creación de áreas de interese nos parques (nanoclusters).

En relación aos servizos dos parques, levouse a cabo unha análise dos servizos que máis valor achegan aos parques membros de APTE, poñendo especial énfase nos aspectos innovadores que presentan, ademais de facer propostas de melloras nestes.

No grupo de traballo sobre fondos estruturais presentouse o borrador das próximas convocatorias dos programas operativos plurirrexionais dos Fondos Feder e as convocatorias do Programa COSME para 2015. Así mesmo,  estudáronse as posibilidades de participación dos parques nestas liñas.

Juan Gascón, director de servizos e contidos dixitais e I+D+i de AMETIC, presentou aos asistentes a guía de Smart Cities, onde se dan as claves sobre as actuacións que leva a cabo a súa entidade en materia de cidades intelixentes, entre elas unha comisión de traballo en Smart Cities que conta con máis de 90 empresas inscritas, a participación na plataforma tecnolóxica es.INTERNET, ademais de ostentar a presidencia do Comité de Smart Cities da CEOE e da Alianza Inercia. Tras a presentación, formuláronse as posibilidades de colaboración de APTE e os parques científicos e tecnolóxicos con AMETIC.

(Fonte: APTE)