O departamento de proxectos da Tecnópole organiza o vindeiro xoves día 10 de xuño unha reunión informativa sobre os programas de axudas para a contratación de persoal investigador INNCORPORA e MARIE CURIE.
A convocatoria INNCORPORA está destinada a empresas, centros tecnolóxicos, centros de apoio á innovación tecnolóxica, asociacións empresariais e parques científicos e tecnolóxicos para a nova contratación a xornada completa de tecnólogos vinculada á realización dun proxecto concreto de I+D no período 2010-2013. Financia até o 100% do custo salarial da persoa contratada de 12 a 36 meses e a súa formación en Executive Máster en Innovación. O prazo para a solicitude destas axudas finaliza o 19 de xuño.
Respecto ao programa MARIE CURIE, a información estará centrada na convocatoria IAPP, orientada á creación de consorcios empresas-organizacións públicas de investigación para o desenvolvemento dun programa científico conxunto a través do intercambio de persoal, cuxo prazo de solicitude para 2011 abre no próximo mes de xullo.
Na reunión abordaranse os detalles das características de ambos os programas e atenderanse consultas concretas. Ademais informarase aos asistentes das novidades da Rede de Transferencia de Tecnoloxía da Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).
As inscricións pódense facer a través do correo bea@tecnopole.es.