Tecnópole organiza unha xornada de portas abertas para que os traballadores do Parque coñezan a Aula Newton

Tecnópole está a organizar unha xornada de portas abertas á Aula Newton Galicia. Está iniciativa diríxese aos traballadores e traballadoras do Parque e tamén ás súas familias. Terá lugar o vindeiro 23 de xuño durante a mañá. Haberá un total de tres pases: de 10:00 a 11:15, de 11:30 a 12:45 e de 13:00 a 14:15 horas.

O obxectivo desta proposta é achegar e dar a coñecer as iniciativas de divulgación científica que desenvolve o Parque. Nesta ocasión a visita centrarase na Aula Newton. Os asistentes terán a oportunidade de participar na experiencia “A aventura de voar”, que estivo en marcha durante este curso para alumnado de 14 a 16 anos de toda Galicia, unha actividade que permite iniciarse no mundo da aviación e da pilotaxe a través do xogo.

Os interesados deben inscribirse aquí. As prazas están limitadas a 12 persoas por pase, polo que se terá en conta a orde de inscrición. A idade mínima esixida para participar nesta actividade é de dez anos.

Fonte: Tecnópole