Tecnópole organiza un curso de actualización sobre a nova norma ISO de xestión de calidade

Tecnópole celebra o próximo 18 de marzo unha actividade formativa de carácter intensivo para actualizar coñecementos sobre a nova versión da norma ISO 9001, en proceso de revisión por parte da Organización Internacional de Normalización.

A norma ISO 9001:2015 determina os requisitos dun sistema de xestión da calidade para a súa aplicación interna por parte das organizacións, sen importar se o produto ou servizo o oferta unha organización pública ou empresa privada, calquera que sexa o seu tamaño, para a súa certificación ou con fins contractuais.

Este curso analiza os principais cambios que supón a introdución da ISO 9001:2015 para axudar aos participantes a comprender o novo enfoque, dotándoos das ferramentas e coñecementos necesarios para levar a cabo con éxito a transición á nova norma, de forma que poidan adaptar os sistemas de xestión da calidade das súas empresas ás novas directrices. As organizacións disporán dun período de tres anos para adecuar os seus sistemas e realizar a transición dos seus certificados.

Esta formación, que terá lugar entre as 9 e as 18.30 horas nas instalacións de Parque Tecnolóxico de Galicia, poderá ser bonificada pola Fundación Tripartita con carácter parcial. A empresa Bureau Veritas poderá realizar as xestións en nome dos participantes, con autorización previa.