Tecnópole organiza o primeiro campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia

Tecnópole organiza este ano o primeiro campamento tecnolóxico de verán que se celebra en Galicia. Os Tecnópole Technological Workshops (T2W) terán lugar na primeira quincena de xullo -cunha duración de dez xornadas activas- e estarán dirixidos a 40 rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos. A actividade conta co patrocinio da operadora de cable galega R.

n
n

nTodos os participantes traballarán no desenvolvemento de proxectos tecnolóxicos con diferentes graos de complexidade en función das súas idades. Para facelo posible, a formación incluirá nocións sobre o deseño de aplicacións móbiles e videoxogos, edición fotográfica e de vídeo, creatividade, biotecnoloxía, etc. Os mellores de cada categoría terán asegurada a súa participación na próxima Galiciencia, no mes de novembro.
n
nAínda que a inscrición está aberta a estudantes de toda Galicia sen restricións, a proximidade xeográfica recomenda a actividade para persoas que residen ou mesmo que pasan o verán na provincia de Ourense.
n
nAs actividades do campamento están deseñadas en función das idades dos participantes, con dous programas diferentes para os tramos de idade 12-15 e 15-18. En calquera caso, os obxectivos que se perseguen son comúns e consisten no desenvolvemento da capacidade resolutiva e innovadora e na dinamización da axilidade mental e da creatividade. Ademais de procurar que os alumnos e alumnas adquiran novos coñecementos tecnolóxicos, preténdese potenciar neles actitudes como o respecto mutuo, a colaboración e a socialización, xunto con habilidades relacionadas con falar ben en público e a práctica do inglés, etc.
n
nOs monitores e profesores son expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e no resto das materias que se van desenvolver na academia, aplicando unha metodoloxía dinámica, participativa, flexible, integradora e adaptada a cada tipo de idade.
n
nEspírito de equipo
n
nTodas as actividades se desenvolverán en equipo, mediante a formación de grupos de rapaces da mesma idade, aos que se estimulará para conseguir a organización interna que lles permita desenvolver habilidades sociais a través da discusión dos proxectos, fomentando ao mesmo tempo o respecto entre os compañeiros e o traballo en equipo.
n
nDado que se trata dunha actividade integrada no tempo de vacacións dos participantes, tratarase de fomentar a aprendizaxe a través do xogo, potenciando a creatividade e baseándose nas emocións e experiencias persoais. Así, durante o campamento os participantes practicarán actividades deportivas en equipo ao aire libre, como a natación, o tenis ou o atletismo.
n
nAs aptitudes comunicativas e a expresión corporal terán un oco importante na axenda de todos os grupos de idade, con talleres para falar en público e sesións de debate. Ademais, recibirán educación ambiental e aprenderán hábitos de alimentación saudables mediante a preparación de comidas sinxelas con produtos da horta ecolóxica.
n
nO custo por participante será de 290 euros con todo incluído, dende o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense ata a comida e todas as actividades. Haberá descontos por inscrición temperá e para as familias que anoten a dous ou máis participantes.
n
nNova aposta pola divulgación
n
nA presentación do campamento tecnolóxico deu paso á xornada de portas abertas das Aulas Tecnópole. Mediante esta iniciativa, dous grupos de estudantes trasladáronse durante todo o curso dúas tardes por semana ao Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos en equipo, axudados por formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os estudantes, todos eles de segundo ciclo de Secundaria e Bacharelato, recibiron formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a partir de aí desenvolveron os seus proxectos, que lles foron mostrados aos pais e profesores asistentes á xornada de portas abertas.
n
nOs alumnos das Aulas Tecnópole viron recoñecida a calidade do seu traballo en dous certames este ano. No mes de marzo un proxecto sobre a recuperación de chans queimados era premiado na Exporecerca, a feira científica máis importante de España. Recentemente, tres proxectos recibían mencións de honra no concurso ''Es de libro"', no que participaron preto de 2000 estudantes de todo o Estado.
n
nA aposta firme de Tecnópole polas actividades de divulgación da ciencia e da innovación está avalada ademais polos Espectáculos de ciencia e a Galiciencia. Estas actividades, xa consolidadas, están dirixidas a rapaces e rapazas de toda Galicia co obxectivo de promover entre eles a vocación científica e de emprendemento innovador. O deseño destas iniciativas responde ao reto de espertar neles non só o interese pola ciencia e tecnoloxía, senón tamén a vocación emprendedora, o espírito de colaboración, a creatividade e a curiosidade, competencias básicas para aumentar as probabilidades de éxito futuro tanto persoal como profesional da xuventude.
n
nMáis información sobre o campamento e inscricións en http://t2w.tecnopole.es.
n
n(Fonte: Tecnópole)

n