Tecnópole organiza dous novos talleres de robótica para escolares antes do comezo do curso

Tecnópole organiza entre o 24 de agosto e o 4 de setembro dous novos talleres de robótica para escolares, que teñen aberto xa o prazo de matrícula. Cada un dos dous talleres ten dispoñibles 20 prazas.

Estas actividades puxéronse en marcha como resposta á extraordinaria demanda rexistrada tras a apertura da inscrición na terceira edición do campamento tecnolóxico de verán de Tecnópole (T2W), que esgotou as prazas dispoñibles en moi pouco tempo. A finais de xuño tivo lugar o primeiro, con todas as prazas tamén cubertas.

Co obxectivo de que ningún mozo ou moza dos que quedaron fóra da inscrición no T2W ou do primeiro taller pasen o verán sen a súa ración de robótica, Tecnópole organiza dous novos talleres dirixidos a estudantes de 9 a 13 anos de idade en horario de 10:00 a 14:00 horas. O primeiro terá lugar entre o 24 e o 28 de agosto e o segundo entre o 31 de agosto e o 4 de setembro.

A través de experiencias didácticas divertidas, os participantes achéganse á tecnoloxía a través de nocións prácticas de construción e programación de robots.

Para garantir a atención personalizada aos asistentes por parte dos formadores, os talleres teñen un aforamento máximo de 20 participantes. O custo é de 121 euros por alumno/a.

Inscrición aquí.