Tecnópole ofrece apoio ás súas empresas e centros para a solicitude de axudas do Programa Nacional de Recursos Humanos

A Oficina de Financiamento de Proxectos de Tecnópole ofrece apoio ás empresas e centros tecnolóxicos que desenvolven a súa actividade no seu recinto para a solicitude das axudas correspondentes ao Programa Nacional de Contratación de Recursos Humanos.
 
Este programa ten como obxectivo promover o aumento dos recursos humanos dedicados a I+D+i tanto en organismos públicos como en empresas, favorecendo, por un lado, a carreira dos mozos investigadores e, por outro, apoiando e reforzando a contratación de persoal altamente cualificado no sector empresarial, especialmente en pemes e organismos privados de investigación sen ánimo de lucro, potenciando a mobilidade entre OPIs (Organismos Públicos de Investigación), universidades e empresas.
 
As liñas de financiamento que contemplan as empresas como posibles beneficiarios das axudas son o Torres Quevedo -recén convocado a través do BOE-, e o Inncorpora -cuxa convocatoria está prevista para este mes de febreiro-, que permiten captar financiamento para a contratación de personal de I+D+I.
 
Torres Quevedo
 
O subprograma Torres Quevedo concede un máximo de 1300 axudas dunha duración dun máximo de tres anos para incorporación de persoal de I+D que desenvolva proxectos de investigación industrial, de desenvolvemento tecnolóxico ou estudos de viabilidade técnica previos.

Poderán ser beneficiarios do programa tanto as pemes como as grandes empresas, ademais de centros tecnolóxicos, asociacións empresariais e parques científicos e tecnolóxicos que contraten doutores ou tecnólogos (persoas tituladas universitarias de grao superior que acrediten catro meses de experiencia demostrable en actividades de I+D do tipo das que vaia desenvolver na entidade solicitante) que non mantivesen ningunha relación laboral coa empresa solicitante entre o 1 de xuño de 2008 e o 30 de setembro de 2009.
 
O persoal contratado con cargo a este subprograma deberá participar na realización de proxectos concretos de investigación industrial, destinados á adquisición de coñecementos que poidan resultar de utilidade para a creación ou mellora de produtos, procesos ou servizos; de desenvolvemento tecnolóxico, dirixidos á materialización dos resultados da investigación industrial no deseño de novos produtos, modificados ou mellorados e de estudos de viabilidade previa.
 
Será subvencionable o salario bruto, ademais da cota empresarial da Seguridade Social, dos doutores e tecnólogos en réxime de dedicación exclusiva aos proxectos desenvolvidos. A intensidade das axudas oscilará entre o 25 e o 75% en función do tipo de empresa e do tipo de proxecto a realizar (Proxectos de investigación industrial, Estudos de viabilidade técnica previos a proxectos de investigación industrial, Proxectos de desenvolvemento tecnolóxico,  Estudos de viabilidade técnica previos a proxectos de desenvolvemento tecnolóxico).

O prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria de 2010 comprende desde o 16 de febreiro ata o 18 de maio.

Inncorpora
 
Inncorpora constitúe unha das novidades do Programa Nacional de Contratación de RRHH na súa convocatoria de 2010. O seu obxectivo é favorecer a incorporación a empresas innovadoras de titulados superiores do ámbito científico e tecnolóxico mediante o apoio á contratación. A contía da axuda poderá alcanzar a totalidade do salario bruto, ademais das cotizacións á Seguridade Social. Nesta convocatoria teñen cabida desde mozos sen experiencia a investigadores cualificados.
 
Deducións fiscais
 
Á marxe destas axudas, Tecnópole lembra ás empresas a posibilidade de solicitar deducións fiscais como consecuencia da realización de actividades de investigación e desenvolvemento.
 
Estas axudas, cuxa solicitude está aberta permanentemente, repercuten directamente no Imposto de Sociedades reducindo a cota íntegra a pagar. Os gastos de persoal das entidades correspondentes a investigadores cualificados adscritos en exclusiva a actividades de investigación e desenvolvemento alcanzan unha dedución total do 42% no Imposto de Sociedades.