n
n
Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole presentou hoxe a preto dun cento de empresarios e investigadores galegos do sector da biotecnoloxía o seu novo laboratorio especializado, aberto ao uso de empresas e centros de toda España baixo unhas condicións de uso sen precedentes, segundo se conclúe da análise realizada sobre instalacións destas características de todo o Estado.
n
n
n
n
A presentación tivo lugar no marco do primeiro workshop sobre biotecnoloxía organizado pola Tecnópole. Este evento marcou o inicio do ciclo de xornadas sectoriais que se celebrarán ao longo deste ano coincidindo co vixésimo aniversario da entidade.
n
n
O novo servizo de Laboratorio de Biotecnoloxía é unha instalación dotada cos máis modernos equipamentos que facilita o acceso á tecnoloxía necesaria no desenvolvemento de actividades de I+D+i centradas no sector bio baixo unhas condicións de uso moi vantaxosas, que inclúen un 50% de desconto para as tres universidades galegas e para as empresas e centros tecnolóxicos da Tecnópole. O seu obxectivo é permitir aos seus usuarios gozar de todas as prestacións e a liberdade que ofrece un laboratorio propio, pero sen ter que asumir os elevados custos de adquisición e mantemento de equipos, un dos principais factores condicionantes da supervivencia das iniciativas emprendedoras no ámbito da biotecnoloxía.
n
n
O investimento inicial realizado no laboratorio ascendeu a 477.000 euros, dos que o 75% foi financiado grazas a un préstamo do Ministerio de Ciencia e Innovación, concedido no marco da súa liña de apoio a proxectos de I+D realizados en parques científicos e tecnolóxicos.
n
n
Situada no edificio Tecnópole I, a instalación, de 310 m², está distribuída en tres zonas de traballo: laboratorio de ensaios físico-químicos, laboratorio de ensaios microbiológicos e espazo para tarefas docentes ou administrativas. A utilización dos equipos pode formalizarse para un período de tempo que vai desde unha hora até o número de días, semanas ou meses que sexan necesarios.
n
n
Sector emerxente en Galicia
n
n
Durante o workshop celebrado na Tecnópole, a presidenta do Cluster Galego Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) e da plataforma tecnolóxica do sector (Biotega), Carme Pampín, expuxo que o sector en Galicia, que dá traballo a máis de 4000 persoas, facturou 413 millóns de euros en 2010 –12 millóns de media por empresa– e ocupa o sétimo posto en número de empresas en España. Engadiu que aquí existe un ecosistema moi favorable para a creación e crecemento de empresas biotecnolóxicas e un capital humano de calidade para dotalas.
n
n
A valorización do coñecemento e a transferencia de resultados de investigación á empresa foron defendidos pola catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Santiago Mabel Loza coma un dos piares do desenvolvemento do sector da biotecnoloxía. Neste sentido, Loza explicou a súa experiencia na creación da primeira unidade mixta empresa-universidade no seu sector en Galicia (e segunda en España), que naceu do seu convencemento de que o traballo do seu grupo de investigación no laboratorio non ten sentido se non se orienta a levar medicamentos ao mercado e, en consecuencia, ao doente.
n
n
O xefe de Sector, Tecnoloxía e Proxectos do Instituto Español de Comercio Exterior (ICEX), Raúl Viña, asegurou que o foco da internacionalización para as empresas biotecnolóxicas está nos Estados Unidos, a Unión Europea, Canadá e Xapón, aos que se está incorporando Brasil como potencia emerxente.
n
n
Sobre xestión empresarial neste sector, Enrique López, directivo da empresa Lonza Biologics Porriño, explicou que é fundamental a planificación de estratexia a longo prazo e situou a innovación coma unha das súas principais bazas para competir desde Galicia coa capacidade de satisfacer as necesidades que xurdan en calquera punto dos mercados a escala mundial.
n
n
Por parte de Genoma España, Noelia Romero presentou o Programa Biocampus, iniciativa que ten por obxectivo proporcionar a formación, o asesoramento e o apoio necesario aos emprendedores que queiran poñer en marcha unha idea de negocio no ámbito da biotecnoloxía.
n
n
Enrique Castellón, socio fundador da Plataforma de Mercados Biotecnológicos (CRB Inverbío) expuxo a vía do capital risco para financiar iniciativas no eido da biotecnoloxía, sobre o que destacou o seu elevado índice de rendibilidade.
n
n
Posteriormente tivo lugar un xantar-coloquio para fomentar o establecemento de contactos entre los asistentes. Durante a tarde, Bioga celebrou a súa asemblea xeral extraordinaria na Tecnópole.
n
n
n