Tecnópole oferta 15 prazas de formación gratuíta en xestión administrativa e financeira do comercio internacional

Parque Tecnolóxico de Galicia oferta 15 prazas de formación gratuíta en xestión administrativa e financeira do comercio internacional. O curso, de cinco meses de duración, está dirixido preferentemente a persoas desempregadas, aínda que tamén existe unha cota de admisión de profesionais en activo.

Os emprendedores interesados, que han de contar cun nivel de formación de Bacharelato ou equivalente, deberán presentarse a unha sinxela proba de selección o próximo 15 de xuño en Tecnópole. Se a superan, poderán beneficiarse do curso, que terá lugar entre o 22 de xuño e o 22 de novembro polas mañás, con máis de 700 horas de formación, nas que se inclúen 40 horas de prácticas en empresas, enfocada baixo unha metodoloxía moi innovadora.
 
A realización do curso proverá aos asistentes dun certificado oficial de profesionalidade con validez estatal. Esta acreditación oficial certifica que a persoa que a posúe conta cos coñecementos e as habilidades para desenvolver a actividade laboral relacionada coa temática impartida.

O curso enmárcase no programa de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os interesados deben inscribirse na web de Tecnópole para asistir á proba de selección o día 15 de xuño ás 13.00 horas.