Tecnópole oferta 15 prazas de formación gratuíta en creación e xestión de microempresas

Parque Tecnolóxico de Galicia oferta 15 prazas de formación gratuíta en creación e xestión de microempresas. O curso, de seis meses de duración, terá como resultado a elaboración dun proxecto de negocio, cun premio á mellor proposta que consistirá en tres meses de estancia gratis na incubadora de Tecnópole.

Os emprendedores interesados, que han de contar cun nivel de formación de Bacharelato ou equivalente, deberán presentarse a unha sinxela proba de selección o próximo 23 de maio en Tecnópole. Se a superan, poderán beneficiarse do curso, que terá lugar entre o 4 de xuño e o 26 de novembro polas mañás, con máis de 500 horas de formación enfocada baixo unha metodoloxía moi innovadora e cun elevado compoñente práctico.

A formación capacitará aos participantes para dirixir pequenos negocios ou microempresas. Entre as habilidades que adquirirán figuran a planificación e implementación de estratexias de áreas de negocio, aprendendo a programar as actividades, xestionar persoas, organizar e controlar recursos materiais e realizar operacións económico-financeiras. Ademais os alumnos serán adestrados no desenvolvemento da comercialización e venda dos produtos e servizos e na xestión baixo criterios de calidade e protección ambiental, todo isto asegurando a prevención de riscos laborais e utilizando servizos de xestión ou asesoría cando a complexidade da actividade o requira, co fin de garantir o logro dos seus obxectivos empresariais e o cumprimento da normativa vixente.

Os alumnos recibirán unha tablet con toda a documentación necesaria ao inicio do programa e a formación completarase con visitas a empresas para que poidan visualizar de maneira práctica os coñecementos adquiridos.

O curso enmárcase no programa de accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar e a Unión Europea.

Máis información e inscrición.

(Fonte: Tecnópole)