Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia- vén de estrear a súa nova páxina web, un espazo de difusión da súa actividade e de todas as empresas e centros que operan desde as súas instalacións no que a entidade de referencia da innovación tecnolóxica en Galicia fai unha aposta decidida polos servizos ligados á internet 2.0 ou internet colaborativa.
Logo de aloxar hai xa ano e medio a súa galería de fotografías na plataforma Flickr, habilitar un localizador en Google Maps e promover a súa propia entrada na Wikipedia en galego, castelán e inglés; Tecnópole sumouse recentemente á comunidade de microblogging Twitter e a Delicious, unha rede que permite agregar páxinas favoritas, etiquetalas e compartilas con outros usuarios.
Ademais, Tecnópole permite a suscrición á súa newsletter mediante o protocolo RSS para que sexa accesible, ademais de mediante correo electrónico, a través dos lectores de feeds, como Google Reader. Precisamente mediante este sistema a nova web do Parque Tecnolóxico de Galicia ofrécelles tamén aos internautas a posibilidade de manterse informados a través de fontes de información xeral, de Galicia e de temas relacionados coa I+D+I que se actualizan automaticamente.
Esta aposta de Tecnópole polas ferramentas da internet colaborativa responde ao seu interese, en calidade de entidade prestadora de servizos avanzados ás empresas e centros tecnolóxicos de toda Galicia, de estar ao día e aproveitar as vantaxes das ferramentas de comunicación máis innovadoras. Por este motivo, recentemente comezou tamén a promover accións de capacitación en habilidades 2.0 abertas aos seus clientes e partners e levou a cabo un proxecto de implantación de ferramentas de escritorio que convertiu o entorno de traballo dos seus servizos centrais nun entorno 2.0.
Información actualizada e mapa virtual
A renovación da web de Tecnópole supón tamén a actualización de toda a información relativa aos proxectos nos que está implicada e os servizos que presta, ademais da canle de noticias na que se publican puntualmente todas as novidades relacionadas co Parque Tecnolóxico e con todas as empresas e centros que aloxa.
Por outra parte, a nova web pon a disposición a versión dixital da publicación ‘Tecnópole 2009’ (en versión navegable ou descargable en PDF), con toda a información económica da entidade e das empresas e centros do Parque Tecnolóxico.
Os internautas poderán tamén facer unha viaxe virtual pola Tecnópole utilizando o mapa ‘Tecnópole 3D’, que permite xa visualizar o alcance do que será a próxima ampliación da superficie a case o dobre da actual.
No marco da súa política de Responsabilidade Social Corporativa, Tecnópole tomou a iniciativa de suprimir a versión en papel do seu Manual de benvida, polo que a nova web dispón tamén dunha área privada na que as empresas que se incorporen ao Parque poderán acceder a unha versión navegable.
Ademais, Parque Tecnolóxico de Galicia, que mantén unha relación moi estreita cos centros escolares galegos a través de iniciativas coma a feira científica ‘Galiciencia’ e o seu ciclo de visitas para colexios, habilitou tamén unha sección especial para escolares. Co título ‘Es novo nisto?’, na web ofrécese información sobre Tecnópole cunha linguaxe sinxela e especialmente pensada para os máis novos.