Tecnópole invita as empresas da súa contorna a almorzar con tecnoloxía para darse a coñecer

Tecnópole reactiva o seu calendario de almorzos tecnolóxicos con citas mensuais a partir do vindeiro 11 de maio. A invitación está dirixida ás empresas situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia e tamén ás do Polígono de San Cibrao das Viñas, co obxectivo de que intercambien coñecemento e oportunidades de negocio.

A primeira cita para tomar café con tecnoloxía no Edificio CEI da Tecnópole terá como tema central as tecnoloxías de almacenamento e xestión de datos a gran escala aplicadas ás estratexias comerciais. Baixo o título “Como aproveitar o big data para vender máis e mellor”, entre as 9 e as 10 da mañá os participantes recibirán claves prácticas dun ponente experto e terán ocasión de intercambiar experiencias. O ponente será Andrés Mazaira, socio fundador de Bridge Mediatech e profesor de marketing e organización de empresas da Universidade de Vigo.

Esta serie de almorzos tecnolóxicos enmárcase no obxectivo de Tecnópole de contribuír a promocionar activamente a competitividade das súas empresas e centros tecnolóxicos. Nesta ocasión, ofréceselles un formato de participación reducida como ventá de difusión das súas tecnoloxías e apertura de oportunidades de colaboración a través do intercambio de coñecemento ou ben de contactos comerciais para o inicio de proxectos conxuntos ou para a compravenda de tecnoloxía e dos servizos que se prestan mediante esa tecnoloxía.
   
Destes almorzos sairá un catálogo con periodicidade semestral en formato dixital que dará a coñecer as tecnoloxías innovadoras realizadas polas empresas e presentadas en cada edición.