Tecnópole únese así ás máis de 600 entidades de máis de 60 países que forman parte da Enterprise Europe Network. O seu obxectivo é multiplicar as oportunidades de éxito das pemes combinando a experiencia no mercado internacional que ofrece a rede no seu conxunto co coñecemento do ámbito máis inmediato que achegan as entidades locais que, como Tecnópole, funcionan como nodos.
Os servizos que presta a rede están especificamente orientados a mellorar as oportunidades das pemes da UE -trátase dunha iniciativa da Comisión Europea- a través da internacionalización. Neste sentido, as empresas usuarias poden atopar asesoramento integral para expandir o seu mercado fóra dos seus países de orixe, apoio ás actividades de innovación e soporte para atopar socios comerciais noutros países.
Dispoñible para todas as pemes galegas
Este último ámbito das relacións comerciais é o que centrará o labor de Tecnópole na rede, a través dunha ampla carteira de servizos a disposición de calquera peme galega, aínda que tamén están abertos a outro tipo de empresas e a centros tecnolóxicos e de investigación.
As empresas poden acudir xa aos servizos de asesoramento do Parque Tecnolóxico de Galicia para facer consultas sobre lexislación, fiscalidade, instrumentos de axuda, etc. no ámbito comunitario. Tecnópole tamén realizará tarefas de promoción da cooperación empresarial, como a organización de encontros entre pemes e a xestión de ofertas e demandas de colaboración no territorio que abrangue o consorcio Galactea Plus. Ademais, recollerá e transmitirá á Comisión Europea as inquietudes e suxestións das empresas en relación co mercado e a regulación comunitarios.
(Fonte: Tecnópole)