As novas empresas desenvolverán a súa actividade nos sectores da edición dixital, as artes gráficas aplicadas ao téxtil, a consultoría para a mellora da productividade e o desenvolvemento de software a medida.
A empresa Serigrafiarte, con 12 anos de traxectoria no sector das artes gráficas, traslada a súa actividade ao Parque Tecnolóxico de Galicia para adaptar a súa produción ao modelo avanzado que está a deseñar a través dun proxecto de innovación en colaboración con varias empresas galegas e a Universidade de Vigo. “No sector das artes gráficas aplicadas ao téxtil estamos a recibir cada vez pedidos máis pequenos con demandas moi personalizadas, polo que vimos a necesidade de ofrecer unha nova contorna de relación cos nosos clientes para ser máis competitivos”, explica Antonio Blanco, xerente da empresa.
Serigrafiarte adquiriu o edificio que no seu día ocupou na Tecnópole o Centro de Teleservizos de Galicia. Unha vez rematadas as obras, instalará nel toda a súa planta de produción xunto cos servizos loxísticos e tecnolóxicos. A nova plataforma que están a desenvolver e que agardan poñer en funcionamento no verán será unha tenda virtual na que o cliente poderá ver como queda o seu deseño sobre a prenda elixida, comprobar o stock e obter o prezo final e o prazo de entrega, todo en cuestión de minutos. Unha vez realizado o encargo, poderá seguir e modificar o pedido en tempo real.
Ademais, no prazo dun ano a empresa conta con traballar con varios deseñadores españois para ter unha carteira de patróns propios.
Iniciativas de emprendemento
As outras tres empresas instálanse na incubadora de empresas da Tecnópole na súa condición de iniciativas de emprendemento. A editorial dixital Tendeus ten entre as súas futuras liñas de negocio a elaboración de guías de viaxe personalizadas. O produto resultante será unha guía dixital configurada segundo as preferencias e plans do viaxeiro, totalmente actualizada e adaptada ao dispositivo que vaia utilizar (smartphone, tablet, ebook, etc.).
Esta innovadora proposta enmárcase nun plan de traballo centrado na edición, publicación e distribución de contidos dixitais como libros electrónicos, co propósito de facilitar a chegada ao mercado dos escritores noveis e un acceso rápido e económico ás súas obras por parte dos lectores.
Segundo Raúl Gómez, promotor de Tendeus, as razóns polas que solicitou instalar a súa empresa na Tecnopole son “os recursos tecnoloxicos, a infraestrutura e os servizos dispoñibles, ademais das sinerxías que podemos atopar con empresas do sector TIC que se encontran xa establecidas aquí”.
Gómez ten xa a experiencia de emprender desde a Tecnópole, xa que hai dous anos puxo en marcha na súa incubadora Miniprice Express, elixida caso de éxito por Amazon.
O plan de negocio de Tendeus prevé que a actividade empresarial evolucione cara a unha plataforma de comercio electrónico global na que, ademais de distribuír libros electrónicos, as pequenas empresas galegas poidan ofertar todo tipo de produtos a nivel mundial.
Tamén no sector das TIC, Global JDS, especializada en solucións de software a medida, desenvolverá na Tecnópole varios proxectos de innovación relacionados coa xestión intelixente de almacéns e con sistemas de pago máis seguros por internet a través dun lector de tarxetas.
Finalmente, Senda Lean Consultores instálase na Tecnópole co obxectivo de ofertar solucións personalizadas a empresas que precisan mellorar a súa produtividade para ser máis competitivas. Segundo os seus promotores, mediante unha metodoloxía que intervén introducindo a innovación sobre todos os procesos e operacións da empresa, conséguese optimizar o rendemento e a eficacia do traballo.