Tecnópole incorpora catro empresas centradas na internet das cousas, na fotografía industrial e na divulgación científica

Tecnópole aumenta a súa nómina de empresas coa incorporación de catro novas iniciativas de negocio especializadas en produtos e servizos innovadores, o que eleva a 90 o número total de entidades instaladas no recinto. A chegada destas novas empresas viuse incentivada pola redución das tarifas dos niños da incubadora e tamén polo primeiro curso de creación de microempresas.
 
As empresas recén chegadas desenvolverán a súa actividade nos sectores da internet das cousas, dos servizos de fotografía especificos para empresas e da divulgación científica.
 
Clicisa chega á Tecnópole co obxectivo de prestar servizos de investigación, consultaría, asesoramento e implantación de tecnoloxía relacionada coa internet das cousas, un concepto que se refire á conexión dos obxectos cotiáns coa Rede. Coa experiencia de máis dunha década traballando no sector tecnolóxico, os seus promotores decidiron abrir mercado en Galicia nun sector novidoso de alto valor engadido.
 
Nesta primeira etapa centraranse en estudar o mercado para detectar oportunidades, aínda que teñen un abano de solucións sectoriais que xa están funcionando ben en Reino Unido, Alemaña e América. “Ademais, chegamos a un acordo cunha empresa de telecomunicacións con máis de 300 persoas repartidas a nivel nacional dedicadas exclusivamente a atender a pemes e grandes contas, o que nos vai axudar a identificar oportunidades”, explica Marcos Muñoz, representante de Clicisa.
 
Neste sentido, apunta que “o mercado é brutal, falamos de que a implantación desta tecnoloxía pode revolucionar desde os medios de pago ata a forma de relacionarnos cos nosos clientes. Vai  ser difícil non atopar unha empresa á que dalgún modo a internet das cousas non sirva de axuda en algún ámbito de actuación”.
 
Como exemplo, Muñoz cita o seu primeiro proxecto en firme, cunha empresa do sector da distribución con máis de 60 empregados e sete puntos de venda en España e Portugal. “Logo da implantación da tecnoloxía, os clientes que entren pola porta da tenda serán identificados de maneira automática só por levar o seu móbil enriba. O persoal poderá ver na súa tablet quen é, de que empresa vén, se ten autorización para retirar mercancía e mesmo as súas preferencias de compra”, resume.
 
Fotografía para empresas
 
Nuria Sotelo asistiu á primeira edición do curso de creación de microempresas organizado por Tecnópole e como resultado nace agora Profocus, especializada en servizos de fotografía para empresas que venden por internet. A súa idea gañou o premio ao mellor proxecto do curso e nela combínanse a experiencia dela como enxeñeira informática especializada en e-commerce e a do seu socio, Ricardo Pascual, como fotógrafo profesional.
 
“Mercando por internet vimos que en moitas tendas online a calidade da fotografía non é boa e isto é un factor determinante para que a compra se realice”, explica Sotelo para debuxar o nicho de mercado sen explotar que eles exploran agora. Sobre as características especiais que deben ter este tipo de fotos, cita un fondo claro –a ser posible branco para resaltar o produto–, a nitidez, a limpeza e sobre todo a fidelidade da cor. “É moi decepcionante comprar algo e que cando chegue non teña nada que ver”, afirma.
 
No seu niño na Tecnópole, os promotores de Profocus desenvolverán un proxecto de I+D dirixido a desenvolver un servizo online de retoque dixital á carta especialmente dirixido a profesionais do e-commerce. “Poderán subir as súas imaxes, siluetear, retocar e o que precisen, e dispor do resultado en moi pouco tempo”, expón Sotelo.
 
A fotografía industrial será o campo de traballo de Elena Repetskaya, que se instala na Tecnópole para prestar servizos nos sectores aeronáutico, arquitectónico, turístico e do patrimonio. “Cada traballo inclúe a investigación previa do obxecto que se vai captar e tamén a aplicación de novas técnicas de captura e novas tecnoloxías, aínda que a prioridade é conseguir un resultado visual único sen apenas retoques mediante software de posprodución dixital”, indica a fotógrafa, que pensa aplicar á fotografía industrial a súa experiencia e coñecementos no ámbito artístico.
 
Ademais, incorpórase na modalidade de domiciliación virtual a empresa Ceo Aberto, colaboradora habitual da Tecnópole na organización de actividades de divulgación como a Galiciencia, as Aulas Tecnópole e o campamento tecnolóxico de verán.

(Fonte: Tecnópole)