Tecnópole inaugura unha mostra fotográfica composta exclusivamente por imaxes tomadas con teléfono móbil

Tecnópole inaugura o próximo día 22 de marzo a exposición 'Olladas, soños e almas. As pegadas do comezo', composta por fotografías realizadas por Daniel Ellacuriaga, deseñador gráfico da empresa Alert Life Sciences Computing, ao longo dos últimos anos.

n

A exposición, que estará aloxada no hall do Centro de Empresas e Innovación (Edificio CEI) de Tecnópole, constitúe a primeira parte dunha triloxía ('olladas') que se completará cunha mostra de ilustración e narración ('soños') e cunha obra musical ('almas').

n

"O nexo común entre todas as fotografías é que foron tomadas cun teléfono móbil (iPhone) e en ningún momento utilicei equipos fotográficos profesionais, tanto cámaras como obxectivos ou programas de tratamento dixital", explica Ellacuriaga. Todas as fotografías teñen un tamaño de 12 x 12 centímetros, tipo Polaroid. "Creo na grandiosidade das cousas pequenas, co formato elixido pretendo que o público se achegue ás imaxes para sentir", expón o autor.

n

A mostra será inaugurada ás 19.30 horas nunha recepción aberta ao público nas instalacións de Tecnópole no concello ourensán de San Cibrao das Viñas.

n

O apoio de Tecnópole a esta mostra segue a liña iniciada en marzo do ano pasado coa exposición ''Reciclado de Pintura e Escultura'', composta por obras de Marina Castro, da empresa Kinetika Innovacións Estruturais, e realizadas a partir de residuos da industria eólica. A continuación, no mes de xuño celebrouse, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, o I Concurso Fotográfico 'Tecnoambiental', no que participaron traballadores das empresas e centros de Tecnópole. A través do soporte a estas iniciativas, o Parque Tecnolóxico de Galicia busca o estímulo da creatividade dos seus traballadores en todos os ámbitos, especialmente nos que ten que ver coa vinculación entre a arte, a tecnoloxía e a innovación.

n