A industria da madeira de Galicia promoveu o deseño e construción dun prototipo de pavillón urbano sustentable e autosuficiente que foi presentado hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, en Ourense. Este prototipo ten a capacidade de aglutinar servizos urbanos habitualmente dispersos nas cidades, como a parada do autobús, aparcadoiros de bicicletas, mobiliario de lecer e iluminación urbana. Ademais, pode dar soporte a outras aplicacións como puntos de recarga de bicicletas eléctricas, móbiles e puntos wi-fi, xa que conta con dispositivos para captar e almacenar enerxía.
n
n
n
Os rapaces e rapazas que participan dende onte nos Tecnópole Technological Workshops, o campamento tecnolóxico de verán organizado pola entidade, asistiron á presentación do prototipo diante do edificio central do Parque Tecnolóxico de Galicia, onde permanecerá durante os vindeiros meses. Alí recibiron unha explicación sobre as características da construción e as vantaxes da arquitectura paramétrica.
n
n
O prototipo é o colofón ao taller de arquitectura paramétrica organizado por Prototipolab que tivo lugar durante os últimos meses no CIS Madeira, como resultado da docencia e a investigación sobre ferramentas de arquitectura e deseño paramétrico con madeira, dirixido polo arquitecto José Ballesteros.
n
n
O curso contou co apoio da Tecnópole e do CIS Madeira e coa colaboración de empresas galegas como Mobles Hermida, Madeiras do Noroeste, AGM Ebanistas, Xanelas e Galerías Vencor, xunto con outras empresas do sector: Garnica Plywood, Rothoblaas e Ilva-Milesi. Ademais, a empresa da Tecnópole Gaélica Solar acaba de sumarse ao proxecto para achegar a tecnoloxía de eficiencia enerxética e iluminación do prototipo.
n
n
A industria da madeira, preparada para responder a novos retos
n
n
A arquitectura paramétrica transforma en parámetros numéricos factores como o espazo, a luz ou a enerxía, para producir á medida e sen incremento significativo de custo segundo as necesidades de cada localización, aplicando os principios da personalización en masa. Neste innovador sistema de traballo “deséñanse condicións e como estas afectan os nosos espazos. Todo está xustificado e tende a ser máis eficaz. É unha alternativa que achega moita solidez ás decisións que un arquitecto debe tomar para obter formas e espazo”, explicou José Ballesteros.
n
n
A madeira é “un material moi adecuado para a fácil mecanización” dende máquinas de control numérico, “xa dispoñibles nunha gran parte das industrias da madeira de Galicia”, apuntou o profesor Ballesteros.
n
n
O presidente de Confemadera Hábitat Galicia, Elier Ojea, subliñou que este prototipo é o exemplo de que a industria da madeira está preparada para “responder aos retos que presenta esta nova arquitectura, achegando precisión industrial, deseño e sustentabilidade”.
n
n
A construción a escala real do prototipo realizouse integramente en madeira, un material sustentable e de baixo impacto ambiental que segundo a Comisión Europea é “a materia prima do futuro”.
n
n
Sector estratéxico para Galicia
n
n
A industria de transformación da madeira e o moble é un dos sectores estratéxicos para a economía de Galicia. O Instituto Galego de Estatística sinala no informe “Radiografía da cadea monte-industria” que o peso desta industria representa o 9,9% do valor engadido industrial e o 12,4% de emprego industrial. O IGE tamén destaca o papel relevante desta industria nas economías locais, xa que en 52 concellos de contornas rurais esta actividade industrial representa o 30% das industrias asentadas.
n
n
A facturación conxunta da industria da madeira e o moble de Galicia ascende a 1625 millóns de euros, o emprego directo supera os 20.000 e o indirecto os 50.000. O valor das exportacións suma 688 millóns de euros.
n