O Parque Tecnolóxico de Galicia foi a localización elixida pola Xunta de Galicia para implementar un proxecto piloto da que será a primeira comunidade enerxética empresarial galega. Esta iniciativa contempla unha potencia instalada de dous megawatts. O proxecto xorde por unha preocupación crecente sobre o consumo enerxético nas empresas e polo seu impacto económico, e tamén polo interese en promover áreas industriais ecolóxicas, capaces de desenvolver tecnoloxía propia, contribuíndo así mesmo á loita contra o cambio climático e a favor do desenvolvemento sustentable na contorna.
Cara a un cambio de modelo enerxético
A proposta consiste na creación dunha comunidade enerxética dentro do Parque Tecnolóxico de Galicia na que teñan cabida as empresas e, entre todas, xerar a súa propia enerxía renovable, acceder en conxunto ás axudas públicas que faciliten acometer determinados investimentos neste ámbito e que, como empresas, poidan servirse dunha produción que permita reducir a súa factura eléctrica de consumo e beneficiarse en conxunto das vantaxes económicas e sociais que implican este tipo de actuacións.
A comunidade enerxética que se vai a instalar en Tecnópole impulsará un cambio no modelo enerxético, o fomento do uso de enerxía limpa e a participación de todas as empresas e a comercialización de enerxía 100% renovable. Unha elevada porcentaxe de empresas situadas nas parcelas do Parque Tecnolóxico de Galicia manifestaron o seu interese en adherirse ao proxecto, coordinado por Tecnópole, co apoio imprescindible da Xunta a través do Inega.
As actividades iniciais que se van a promover até a constitución da comunidade non terán ningún custo para as empresas participantes nela, xa que estes van ser asumidos integramente por Inega e Tecnópole. Os primeiros estudos apuntan á instalación de paneis fotovoltaicos nas cubertas do propio complexo, co obxectivo de reducir o seu consumo enerxético e dotar de maior competitividade ás empresas no actual contexto de alza de custos. Nun primeiro momento poderán beneficiarse deste proxecto até 70 compañías.
Fonte: Galicia Empresa