Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente, o Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole vén de publicar unha “Guía de Boas Prácticas Ambientais” dirixida ás súas empresas. Esta iniciativa enmárcase dentro da preocupación do Parque por mellorar a sostibilidade e reducir a pegada de carbono, para o que creou a marca “Tecnópole en Verde” –https://tecnopole.gal/tecnopole-en-verde/-, xunto á súa recente adhesión ao Pacto Mundial da ONU. Como complemento a esta guía, elaboráronse uns carteis destinados a concienciar sobre a responsabilidade ambiental desde o eido empresarial.
“Para cumprir cos obxectivos climáticos do mundo, tanto as persoas como as empresas deben lograr unha redución significativa das emisións de carbono. Con este propósito elaboramos esta guía, que recolle as pautas de comportamento ambiental para Tecnópole con catro liñas de medidas: de sensibilización, de aprovisionamento, de aforro de recursos e de reciclaxe” -indica o director do Parque, Javier Taibo-. Pon de relevo a importancia de que as empresas minimicen o seu impacto sobre o medio. “Queremos concienciar e implicar tanto aos traballadores e traballadoras como ás empresas cunha imaxe responsable e comprometida” -salienta-.
A proposta de medidas como controlar o lixo dixital
Respecto ás medidas de sensibilización, nesta guía recoméndase que cada empresa calcule a súa pegada de carbono, co fin de identificar as fontes de emisión de gases de efecto invernadoiro e establecer hábitos de aforro máis eficientes e sostibles. Tamén se suxire implementar a “Regra das 3R: Reduce, Reutiliza, Recicla” nas accións cotiás para establecer un modelo de consumo responsable moito menos contaminante e máis eficiente. Resáltase a importancia de incorporar cambios como controlar o lixo dixital, apagar os equipos electrónicos cando non se usen, mercar produtos próximos, favorecer a comunicación a través de medios electrónicos, limpar os filtros de saída de aire, illar termicamente algunha instalación ou facer mantemento de equipos de aire acondicionado. Destácase así mesmo a relevancia da mobilidade sostible, lembrando que “cada litro consumido de gasóleo emite uns 2,5 kg de CO2”. E apóiase o teletraballo como medida eficiente.
Fontes de enerxía renovables
En canto ás medidas de aprovisionamento, na guía indícase que, á hora de adquirir subministracións ou servizos, cómpre ter en conta o respecto ao medio, utilizando fontes de enerxía renovables. Nesta liña, apúntase que “na actualidade, o desenvolvemento tecnolóxico e a evolución do mix enerxético permítenos elixir entre unha ampla gama de enerxías renovables, desde as comunidades solares ata contratar un servizo que garanta o uso de enerxía eólica ou apostar por combustibles creados a partir de biomasa e residuos orgánicos”. Proponse tamén dar preferencia a materiais e produtos que teñan en conta a sustentabilidade, mercando equipos con sistemas de aforro enerxético, elementos recargables e de longa duración, que non se convertan en residuos nocivos ao final da súa vida útil.
Medidas de aforro enerxético
No relativo ao consumo de enerxía e auga, como principais causantes da pegada de carbono, recoméndase aproveitar ao máximo a luz natural, limpar asiduamente os sistemas de iluminación, mellorar o sistema eléctrico (fluorescentes máis eficientes, reguladores de intensidade de luz…) para reducir o consumo de electricidade, empregar papel reciclado e cartuchos de tóner reutilizados… En canto aos equipos informáticos, proponse que sexan enerxeticamente eficientes, configurando o modo de “aforro de enerxía”, apagalos en períodos de inactividade superiores a unha hora… Tamén se aconsella pechar os radiadores das salas desocupadas, entre outras suxestións.
Medidas de reciclaxe do vidro, plástico e papel
Respecto ás medidas de reciclaxe, no caso do vidro, asegúrase que “coa enerxía aforrada grazas á reciclaxe de 10 botellas de vidro pódese, por exemplo, poñer 6 lavadoras dunha familia de 4 membros ou cargar o móbil durante 300 días. E o CO2 que evitamos emitir á atmosfera equivale a 15 km de traxecto en coche”.
En canto ao plástico, lémbrase que hai 50 anos cada habitante consumía 300 gr ao ano, mentres que na actualidade a cifra ascende aos 120 kg, tendo en conta ademais que boa parte dos residuos que se xeran acaban nos fondos oceánicos -uns 8 millóns de toneladas ao ano-.
No caso do papel, ponse de relevo que as fibras de papel pódense reutilizar ata 7 veces sen que diminúa a súa calidade. Ademais, a obtención de celulosa reciclada, igual que dos cartóns e papeis, supón unha redución do 74% das emisións de gases contaminantes con respecto á produción de fibra virxe, ao tempo que se aforra ata un 80% de auga e a contaminación da auga ata nun 35%. “Consumindo 1 kg de papel reciclado contribuímos á emisión de 1,8 kg de CO2 equivalente, mentres que a mesma cantidade de papel de fibra virxe emite 3 kg de CO2”- salientan-.