Este próximo sábado día 4 de maio todas as familias e grupos de amigos de Ourense ou de calquera outro punto de Galicia están invitados ao espectáculo “A maxia da ciencia”, organizado por Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole coa colaboración da Xunta de Galicia e da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt).
O evento, de entrada libre e gratuíta, servirá como aperitivo da maior feira científica de Galicia, Galiciencia, que terá lugar entre o 8 e o 10 de maio no recinto de Tecnópole, en San Cibrao das Viñas (Ourense), coa saúde e os bos hábitos como tema principal.
As portas do Auditorio de Ourense abrirán este sábado media hora antes do comezo do evento, ás 12, para dar entrada a todas as persoas que queiran pasar un bo momento participando nun espectáculo interactivo no que a ciencia e a maxia se darán a man.
O divulgador científico David Ballesteros e o ilusionista Jose Rivera estarán á fronte desta experiencia apta para todos os públicos, na que os experimentos científicos e a maxia serán o vehículo para aprender cousas novas. ¿Pode a auga converterse en viño? Os magos son capaces de xerar en nós esa ilusión e os científicos, grazas á química, tamén. As matemáticas e a lectura das ondas cerebrais permiten tamén achegarse ao efecto que provoca en nós un mentalista, pero co rigor da ciencia detrás. E hai principios da electricidade que son utilizados polos magos dende hai moitísimo tempo. Estas son só algunhas das dualidades ciencia-maxia que permitirán que este espectáculo sexa unha experiencia memorable para vivila en familia ou entre amigos.
Ademais de ofrecer un plan de fin de semana na que se mesturan o lúdico e o didáctico, mediante este evento quérese estender á cidadanía o convite para acudir a Galiciencia polas tardes, á marxe das visitas dos grupos escolares.
A partir do mércores da próxima semana, 50 equipos de alumnos de Secundaria e Bacharelato mostrarán na carpa de Galiciencia os proxectos científicos e innovadores cos que optan a levar algún dos premios finais. A estes uniranse 30 proxectos de Primaria fóra de competición, que acudirán en quendas de dez por día.