Tecnópole e os Polígonos Industriais de San Cibrao das Viñas (Ourense) e Sabón (A Coruña) colaborarán grazas ao Programa de Cooperación con Parques Industriais e Tecnolóxicos (COPIT), unha iniciativa para a mellora da competitividade das empresas e centros tecnolóxicos situados nestes recintos a través de fórmulas de cooperación entre eles.
A iniciativa conxunta foi presentada esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) pola súa directora, Luisa Pena, tras unha xornada sobre propiedade industrial a cargo de expertos da consultora Clarke, Modet & Cº. Os dous eventos foron seguidos por un numeroso público formado por empresarios e responsables de centros tecnolóxicos.
Un total de 20 parques científicos e tecnolóxicos e 28 polígonos industriais de toda España participan no programa COPIT, que ten como obxectivo establecer unha rede de cooperación entre as empresas e entidades radicadas nestas áreas baseada no intercambio de necesidades e ofertas tecnolóxicas, co fin último de impulsar proxectos conxuntos entre elas.
En Galicia, o programa materialízase na colaboración entre Tecnópole, que ademais de empresas achega centros tecnolóxicos, e os Polígonos de San Cibrao das Viñas e Sabón, cuxas xerentes, Marta Marzoa e Yolanda López, respectivamente, interviron tamén no acto de presentación celebrado hoxe.
Segundo explicou Pena, Parque Tecnolóxico de Galicia porá a disposición das empresas que se integren no programa os seus servizos de soporte á innovación de alto valor engadido, así como os seus espazos e instalacións científico-tecnolóxicas, e organizará, xunto cos Polígonos de Sabón e San Cibrao das Viñas, encontros sectoriais que fomenten a cooperación.
COPIT está apoiado pola Coordinadora Española de Polígonos Industriais (CEPE) e pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), que pon a disposición da iniciativa, como vehículo para articular as colaboracións, a súa Rede de Transferencia de Tecnoloxía.
Propiedade industrial
Antes desta presentación tivo lugar unha xornada sobre propiedade industrial impartida por Julio Sande e José Manuel Freire, xerentes en Vigo e Santiago de Compostela da compañía Clarke, Modet & Cº, coa que Parque Tecnolóxico de Galicia ten un acordo para ofrecer servizos gratuítos de asesoramento en materia de propiedade industrial ás empresas e centros situados no seu recinto. Clarke, Modet & Cº é unha consultora especializada en patentes, marcas, transferencia de tecnoloxía, etc. con oficinas en España e filiais en Portugal e Iberoamérica.
En primeiro lugar tratouse o tema da protección de signos distintivos, sobre o que Freire sinalou que outorga o dereito exclusivo de uso e impide que terceiros comercialicen productos idénticos ou similares coa súa marca ou utilizando unha imaxe tan similar que produza confusión no consumidor.
A continuación, Sande abordou as medidas de protección de resultados innovadores. En relación a isto, destacou que o feito de patentar permite incrementar os beneficios e mellorar os rendementos dos investimentos da I+D+i. Ademais, apuntou que favorece o acceso a outras tecnoloxías, permite obter royalties a través de licencias a terceiros na súa estratexia de internacionalización e outorga un importante valor engadido a producto na súa comercialización.