Tecnópole e o Polígono de Sabón logran proxectos conxuntos de I+D+I entre as súas empresas

Tecnópole -Parque Tecnolóxico de Galicia- e o Polígono Industrial de Sabón (Arteixo, A Coruña) presentarán mañá mércores en Madrid a súa experiencia de colaboración no marco do Programa de Cooperación entre Parques Industriais e Tecnolóxicos (COPIT), logo de ser elixida como caso de éxito entre todas as levadas a cabo en España.
n
nComo resultado da primeira fase deste programa, iniciada a finais de 2009, pecháronse dous acordos en firme para levar a cabo proxectos de I+D+I conxuntos entre dúas empresas de Sabón e o Centro Tecnolóxico AIMEN, que ten a súa sede comercial na Tecnópole. Ademais, estanse a concretar outras dúas colaboracións que aínda están en fase de negociación. Por este motivo, o programa terá continuidade tamén este ano, no que se agarda que os contactos para intercambio de oferta e demanda de tecnoloxía se materialicen en máis futuras colaboracións.
n
nA experiencia galega, na que tamén participou o Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas (Ourense), será presentada mañá na xornada informativa sobre o Programa COPIT que terá lugar en Madrid. A ela asistirán representantes de todos os parques e polígonos españois participantes, que aproveitarán para coordinarse de cara á segunda fase do programa.
n
nTransportes blindados e depuración de residuos
n
nOs proxectos de I+D+i que se están a poñer en marcha como froito dos intercambios propiciados por COPIT en Galicia desenvólvense nos ámbitos da enxeñería de materiais e do medio ambiente.
n
nO primeiro deles, que implica o traballo conxunto de AIMEN e da empresa Coruñesa de Composites (Grupo Cortiplás), ten como eixe o ensaio de novos materiais para a fabricación de transportes blindados. O outro, froito da colaboración de AIMEN coa empresa Emesa-Trefilería, ten como obxectivo a mellora de parámetros medioambientais na depuración de residuos.
n
nEstes acordos producíronse como resultado de tres sesións de traballo que tiveron lugar a finais de outubro de 2009, nas que tecnólogos e empresarios do Parque Tecnolóxico de Galicia intercambiaron información sobre servizos e proxectos con empresarios dos Polígonos de Sabón e San Cibrao, que expuxeron principalmente as súas demandas tecnolóxicas para establecer o punto de partida cara novas relacións comerciais e proxectos de innovación conxuntos.
n
nAs sesións tiveron carácter temático e celebráronse vía videoconferencia para cumprir así un dos principais obxectivos do programa: que a distancia xeográfica non sexa unha barreira para establecer un primeiro contacto entre empresas galegas con intereses comúns e posibilidades de mellorar a súa competitividade grazas á cooperación de base tecnolóxica.
n
nA primeira sesión estivo dedicada aos servizos de apoio á produción e o seguinte encontro tratou sobre a metroloxía e o sector industrial, con especial atención ao oxicorte (técnica auxiliar á soldadura, que se utiliza, entre outras cousas, para a preparación dos bordos das pezas a soldar cando son de espesor considerable), á caldeirería e á homologación de pezas. A última videoconferencia tratou sobre o sector agroalimentario e centrouse nas ofertas e demandas tecnolóxicas sobre microbioloxía, biotecnoloxía alimentaria e unha cuestión moi concreta: o aproveitamento e a valorización de materiais residuais e subprodutos da industria alimentaria mediante procesos fermentativos.
n
nEn toda España
n
nEsta iniciativa estase a levar a cabo en toda España a través de 20 parques científicos e tecnolóxicos e 28 polígonos industriais, que buscan mellorar a competitividade das empresas e centros tecnolóxicos situados nestes recintos a través de fórmulas de cooperación entre eles.
n
nO Programa está financiado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio mediante fondos FEDER e nel colaboran a Asociación Española de Parques Científicos y Tecnológicos de España (APTE), a Coordinadora Española de Polígonos Industriales (CEPE), a Escuela de Organización Industrial (EOI) e a Empresa Nacional de Innovación (ENISA).
n
n
n