Tecnópole e a empresa Kinetika Innovacións Estruturais inauguran o próximo xoves día 11 de marzo a exposición ‘Reciclado de Pintura e Escultura’, composta por obras realizadas a partir de residuos da industria eólica, principalmente chapa de ferro.
As obras, que permanecerán expostas no vestíbulo do Centro de Empresas e Innovación (Edificio CEI) de Tecnópole, poranse á venda coa finalidade de destinar o 15% da recadación aos afectados pola catástrofe de Haití. Tecnópole cede o espazo para a mostra a causa do propósito benéfico da iniciativa.
A autora das pinturas e esculturas é Marina Castro, socia de Kinetika, empresa do sector das enerxías renovables que inaugurou en setembro de 2009 no Parque Tecnolóxico de Galicia a súa planta de deseño, prototipado e homologación de estruturas totalmente innovadoras para a produción de enerxía eólica. Para a montaxe das obras contou coa colaboración de varios membros do equipo de traballo da empresa, que tamén achegaron a súa visión creativa.
Esta é a primeira mostra da artista, que durante a etapa de probas das súas novas instalacións industriais comezou a experimentar con restos de chapas procedentes da cadea de produción da súa empresa, xogando coas súas formas e aplicándolles pintura e vernices. As súas primeiras obras, algunhas das cales se incorporan á exposición que se inaugura a próxima semana, foron colocadas nas oficinas de Kinetika.
Marina Castro asegura que o propósito da súa obra é “transmitir unha maior concienciación sobre o respecto ao medio ambiente a través do reciclado industrial”.
A mostra será inaugurada o xoves día 11 ás 19.30 horas nunha recepción aberta ao público nas instalacións da Tecnópole no concello ourensán de San Cibrao das Viñas.