Tecnópole -Parque Tecnolóxico de Galicia- e a empresa Intellectia Bank veñen de poñer en marcha dous programas piloto de formación práctica en investigación científica e I+D+I aplicada dirixidos a estudantes de 14 a 17 anos de idade.
O proceso de selección de participantes nos programas ‘Novos Científicos’ e ‘Aulas de I+D’ tivo lugar esta mañá na Tecnópole. Un total de 91 estudantes de Secundaria, acompañados por oito profesores, realizaron unha serie de tests avanzados para avaliar as súas capacidades. O resultado destas probas determinará a selección de medio cento de alumnos entre os candidatos, que serán os participantes nos programas.
Durante todo o ano 2010 os estudantes seleccionados asistirán a sesións de preparación dos seus proxectos científicos e innovadores para presentalos en certames de calquera ámbito xeográfico, xa sexan feiras ou concursos.
O programa ‘Novos Científicos’, para o que serán seleccionados 20 participantes, está especificamente orientado a formar aos estudantes no método científico para que poidan preparar a súa participación no Certame Nacional de Novos Investigadores, promovido polo Instituto de la Juventud (Injuve) do Ministerio de Igualdad e polo Consejo de Universidades do Ministerio de Educación e que se celebrará entre finais de setembro e principios de outubro.
Ademais, expoñerán os seus proxectos de investigación na próxima edición da Galiciencia -a maior feira científica de Galicia, organizada pola Tecnópole- e outras feiras e concursos estatais e internacionais.
Simultaneamente desenvolverase o programa ‘Aulas de I+D’, máis orientado ao adestramento dos estudantes en habilidades innovadoras para desenvolver ideas e deseñar proxectos directamente aplicables a actividades produtivas, comerciais, de negocio ou de servizos. Ademais de participar na Galiciencia, terán ocasión de presentarse a outros certames destas características fóra de Galicia. Mediante as probas realizadas hoxe serán seleccionados os 30 participantes neste programa.
Nesta primeira fase de ambos os dous proxectos participarán alumnos e alumnas de centros de toda a provincia de Ourense, que acudirán ás instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia no concello de San Cibrao das Viñas un día por semana, en horario de tarde, dende xaneiro a xuño e desde setembro a decembro de 2010. Posteriormente, está prevista a extensión das iniciativas a estudantes de toda Galicia.
A metodoloxía dos dous programas é totalmente práctica e contempla, por unha parte, sesións de aprendizaxe tecnolóxica para o deseño dun proxecto innovador que se materialice nun prototipo, maqueta ou similar e, pola outra, o desenvolvemento dun sistema de intelixencia que lles permitirá aos alumnos e alumnas participantes a elaboración dun proxecto persoal. Na formación participarán científicos e investigadores das tres Universidades galegas e tamén haberá titorías individualizadas e sesións de acompañamento nos colexios nas que colaborarán os profesores.
Abrir a mente
A empresa Intellectia Bank, que desenvolve a súa actividade na Tecnópole, encargouse do deseño dos programas de aprendizaxe en novas tecnoloxías, aplicacións analíticas, pensamento visual e análise multidimensional que van seguir os mozos e mozas participantes. Segundo os seus intereses e ideas, estes levarán a cabo un proxecto persoal no que prime o interese e o rigor científico, no caso dos ‘Novos Científicos’, e a aplicabilidade da I+D+I en actividades produtivas, comerciais, de negocio ou de servizos, no caso das ‘Aulas de I+D’.
Os obxectivos destes programas de adestramento xuvenil é impulsar a súa iniciativa introducindo aos estudantes nunha metodoloxía de investigación ben definida e fundamentada abrirlles a mente sobre a súa capacidade emprendedora e de innovación, ensinándolles a utilizar as competencias científicas e técnicas precisas, así como a importancia das competencias humanas e sociais como complemento das anteriores.
Por outra parte, coa implicación dos docentes búscase promover nos centros escolares a capacitación nestas competencias como parte da súa tarefa educativa.
A medio e longo prazo, preténdese impulsar a aspiración a metas persoais altas de investigación e innovación entre os mozos, fomentando de modo eficaz a selección de perfís profesionais de corte científico e tecnolóxico naqueles que, nun futuro non moi afastado, serán os protagonistas da I+D+I en Galicia.