n
Preto de 8000 estudantes en total participarán nos ‘Espectáculos de ciencia’ que Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole e Fundación Barrié organizarán por toda Galicia durante os próximos catro meses. O primeiro deles, titulado ‘Ciencia ou ficción’, comezou hoxe en Ourense con dúas sesións e repetirase os vindeiros días en Lugo, Santiago, A Coruña e Pontevedra.
n
n
Ata o mes de maio celebraranse outros tres espectáculos diferentes que tamén viaxarán a Ferrol e Vigo, todos eles cofinanciados pola Consellería de Economía e Industria. Á apertura da actividade celebrada hoxe na Tecnópole asistiron o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, e o director xeral da Fundación Barrié, Javier López, que lle deron a benvida aos participantes e asistiron á sesión.
n
n
A iniciativa, que supón o inicio do programa de actividades conmemorativas do 20 aniversario da Tecnópole, enmárcanse na liña de actuación de desestacionalización das actividades de divulgación científica contemplada no Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015, que ten como obxectivo promover a celebración de actividades de divulgación á marxe da Semana da Ciencia.
n
n
No caso da Fundación Barrié, esta colaboración realízase no marco das actuacións de apoio á investigación, divulgación da ciencia e fomento de vocacións científicas entre a xuventude galega, que impulsa a Fundación a través de educaBarrié, a súa iniciativa para achegarse á comunidade educativa, activa en centros escolares das catro provincias desde o pasado mes de outubro (www.educabarrie.org).
n
n
Os ‘Espectáculos de ciencia’ supoñen un reto importante para Tecnópole porque implican levar por primeira vez a súa actividade divulgativa a localidades de toda Galicia. As sesións están dirixidas a estudantes de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos, adaptándose en cada caso os contidos ao nivel académico dos asistentes. O obxectivo desta experiencia é levar a ciencia da maneira máis didáctica e amena aos máis novos. Ao longo dos 50 minutos que dura cada sesión, os asistentes participan en experiencias espectaculares que son o vehículo para introducir conceptos científico-tecnolóxicos. Isto serve para espertar nos rapaces e rapazas, que asisten acompañados polos seus profesores, a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.
n
n
Ciencia ou ficción
n
n
A actividade iniciada hoxe permitiulles a 300 rapaces e rapazas explorar os vínculos entre a ciencia e a ficción a través do visionado de fragmentos de películas e a realización de experimentos cos que abordaron unha análise crítica do que vemos no cine. A través de secuencias de filmes como ‘Mars Attacks’, ‘Tiburón’ ou clásicos como ‘A Guerra das Galaxias’ e ‘O sabueso dos Baskerville’ os asistentes puideron concluir por eles mesmos que ocorre detrás e diante das cámaras para recrear o mundo de fantasía que mostra a pantalla.
n
n
Outros tantos estudantes vivirán esta experiencia mañá xoves en Lugo, o venres en Santiago de Compostela e, a semana que vén, o xoves na Coruña e o venres en Pontevedra.
n
n
Ao longo dos meses de marzo, abril e maio levaranse a cabo outros tres espectáculos sobre electricidade, enerxías e química, cada un deles en cinco localidades galegas diferentes. Todas as actividades acompáñanse do envío de guias didácticas aos profesores para que lle saquen o maior proveito posible na clase, afondando nos coñecementos adquiridos durante as sesións.
n
n
20 aniversario
n
n
Os ‘Espectáculos de ciencia’ son unha actividade organizada e executada polo Parque Tecnolóxico de Galicia con base na súa dilatada experiencia en iniciativas de divulgación da ciencia e da tecnoloxía. Ademais de abrir as súas portas de xeito continuado a grupos escolares, dende hai seis anos organiza a feira científica máis importante de Galicia: a ‘Galiciencia’, que foi medrando en prestixio ata converterse na súa última edición en actividade de referencia da Semana da Ciencia en España.
n
n
Esta é a primeira dunha serie de actividades deseñadas especialmente para conmemorar o 20 aniversario do Parque Tecnolóxico de Galicia, que se estenderán ao longo de todo o ano. Á marxe de diversas iniciativas dirixidas específicamente ao tecido empresarial e a todo o Sistema Galego de Innovación, esta programación inclúe un congreso de mentes innovadoras que coincidirá co mes no que se cumpren exactamente os vinte anos de actividade (outubro).
n
n
n