Tecnópole e CHUO inician unha nova liña de colaboración para a formación de facultativos en TECMEVA

Parque Tecnolóxico de Galicia e Hospital Universitario de Ourense (CHUO) inician unha nova liña de colaboración que permitirá desenvolver unha programación continuada de formación biomédica avanzada, con sede no Centro de Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas (Tecmeva) situado en Tecnópole.

A nova estratexia de colaboración foi presentada a semana pasada, nunha sesión informativa á que asistiron facultativos, formadores e investigadores das áreas de ciencias da saúde e que contou coa presenza da xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Beatriz Allegue. Todos eles tiveron a oportunidade de coñecer as instalacións a pleno rendemento, coincidindo coa celebración, por vez primeira en Tecmeva, do prestixioso Curso de ATLS (Advanced Trauma Life Support) de atención inicial ao enfermo politraumatizado do Colexio Americano de Cirurxiáns (ACS), que se vén celebrando ininterrompidamente en Ourense dende 2009.

Establécese así un marco estable de continuidade para centralizar e promover accións formativas nestas instalacións, trazando unha folla de ruta que permita posicionar Ourense como referente na formación biomédica da Área Sanitaria Sur, nos campos da simulación, a microcirurxía e a laparoscopia. Isto é posible grazas á dispoñibilidade en Tecnópole de equipación avanzada e á experiencia dos cadros cirúrxico e médico do CHUO.

Ambos os dous centros manteñen dende hai anos contactos, que se plasmaron en accións previas en Tecmeva, como o curso de técnicas avanzadas de cirurxía laparoscópica, celebrado o pasado ano para especialistas en xinecoloxía.

Equipación avanzada e traxectoria docente

Tecmeva conta con salas para formación práctica en laparoscopia en tres dimensións, fetoscopias, e outras técnicas cirúrxicas minimamente invasivas; catro postos para formación en técnicas laparoscópicas convencionais; unha unidade de simulación virtual para adquirir habilidades no manexo de instrumentos e técnicas; e unha sala de videoconferencias, que permite plena conectividade.

Tendo en conta a súa equipación e instalacións, poderá acoller cursos básicos e avanzados en técnicas minimamente invasivas ou laparoscópicas en todas as áreas de cirurxía xeral e aparato dixestivo, de mama, abdominal, regazo-protolóxica, endócrina, etc.

Intereses comúns e colaboración

Tal e como expuxo o director xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla, durante a súa intervención, Tecmeva converteuse xa nun espazo de referencia para actividades de formación en técnica laparoscópica. Capilla recordou que, dende a súa posta en marcha en 2010, “especialistas en xinecoloxía e obstetricia de hospitais públicos das catro provincias pasaron xa por aquí para adestrarse nestas técnicas, minimamente invasivas e máis seguras e eficaces”, ao que engadiu que as instalacións están a disposición de todos os centros e facultativos do Servizo Galego de Saúde para a súa formación e adestramento.

Ademais, o xerente de Tecnópole destacou que Tecmeva foi tamén a instalación central do proxecto QUIRAV, apoiado polo programa FEDER-Innterconecta da Consellería de Economía, Emprego e Industria para desenvolver o quirófano do futuro, un sistema avanzado que contribuirá á mellora nas condicións de seguridade, eficiencia e calidade da actividade cirúrxica.

Pola súa parte, o responsable da Xerencia de Xestión avanzada de Ourense, Julio García Comesaña, destacou a oportunidade de poder poñer a disposición dos profesionais de Ourense unhas instalacións sen igual en toda a área Sur e subliñou o papel innovador e docente do equipo profesional de Ourense, así como a experiencia acumulada, ao longo dos últimos vinte anos, dende o Laboratorio de microcirurxía Experimental.

(Fonte: Tecnópole e Sergas)