Tecnópole e a Cámara Hispano-Portuguesa de Comercio e Industria promoverán o establecemento de lazos de colaboración entre empresas de ambos os lados da fronteira, en especial da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Para propiciar os contactos, está prevista a organización en breve dunha xornada de interacción empresarial no Parque Tecnolóxico de Galicia.
A próxima celebración deste evento foi unha das decisións acordadas pola directora de Tecnópole, Luisa Pena, e o presidente da Cámara Hispano-Lusa, Aureliano Neves, durante a súa visita do pasado xoves día 28 de xaneiro ás instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Neves, que acudiu acompañado do delegado da institución en Galicia, Antonio Viñal, solicitou o encontro para coñecer o tecido empresarial que desenvolve a súa actividade en Tecnópole e comprobar o seu potencial para establecer proxectos conxuntos con compañías portuguesas. Unha vez que Luisa Pena le expuxo o panorama empresarial da entidade que dirixe, altamente marcado por un perfil innovador e relacionado coas novas tecnoloxías, Neves pediu a súa colaboración para organizar un evento de intercambio de oferta e demanda de intereses compartidos.
A Cámara Hispano Portuguesa de Comercio e Industria foi creada en 1970 por un grupo de empresarios españois e portugueses convencidos da necesidade dunha entidade cuxo obxectivo fose o fomento dos intercambios comerciais e industriais entre ambos os países.
Desde a súa fundación esta entidade veu orientando a súa actividade en áreas como o apoio ao establecemento e consolidación de empresas no mercado ibérico, o asesoramento en temas xurídicos, comerciais e fiscais e o establecemento dunha plataforma de contacto eficaz entre as empresas asociadas.