Deixan eses niños os proxectos gañadores da última edición MeigaLabs, enfocada ao deseño e desenvolvemento de videoxogos, e IbeeAgro, de monitorización agrícola, que, ao amparo da primeira edición dos Premios Incuvi-Avanza se traslada agora ao Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) para rematar o seu proceso de maduración empresarial e saír xa ao mercado.
A presentación dos proxectos ourensáns gañadores nas dúas categorías de premios tivo lugar hoxe na Tecnópole. O acto contou coa participación dos representantes das entidades promotoras e colaboradoras nestes premios. Deste xeito, ademais de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; e Ricardo Capilla, director de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, estiveron Juan Carlos Parada, presidente da Cámara de Comercio de Ourense; Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación Empresarial de Ourense; Xosé Antón Vila, director do CITI; Ana Méndez, vicepresidenta da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense; Emma González, directora adxunta e secretaria da Fundación Expourense, e os promotores dos proxectos seleccionados e premiados.
Salientando como, desde a súa creación, os Premios Incuvi-Emprende teñen dado acubillo a arredor de 150 iniciativas emprendedoras, Salustiano Mato gabou “o talento, a valentía e a paixón” dos novos emprendedores e emprendedoras da Universidade de Vigo. A todos eles e elas, o reitor recalcoulles que “queremos ser aliados estratéxicos vosos para que vos sintades orgullos da vosa universidade”. Mato subliñou que precisamente estes premios foron creados como instrumentos de fomento e aproveitamento de todo o potencial emprendedor e universitario.
Pola súa banda, o director xerente de Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla, expresou a súa satisfacción por poder ofrecer instalacións e servizos gratuítos aos emprendedores na Tecnópole, “pero sobre todo por darlles a oportunidade de desenvolver o seu proxecto nunha contorna empresarial na que poderán atopar clientes e socios, ademais de aprender da experiencia doutros que xa fixeron o camiño”.
Dúas iniciativas que se consolidan e catro que nacen
Os gañadores dos I Premios Incuvi-Avanza, destinados a dar o último empuxón na consolidación, recolleron este martes de mans das autoridades presentes os seus diplomas. O Proxecto Meigalabs, de José Antonio Tesouro, Xabier Losada e Javier López, estase consolidando como estudo de desenvolvemento especializado en servizos de gamificación, apps e videoxogos para plataformas móbiles, acadando máis de 500.000 descargas en todo o mundo do seu videoxogo Corrupt Mayor Clicker.
Pola súa banda, iBeeTel Solutions, centrada en servizos de enxeñaría software e hardware, está ultimando o seu proxecto iBeeAgro, un Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola que optimiza a produción e asegura aos produtores a calidade e a eficiencia de recursos.
Os proxectos galardoados nos V Premios Incuvi-Emprende, que se incorporan agora á Preincubadora Tecnópole-Universidade de Vigo, son Eixovisión, a Cooperativa de Iniciativa Social Brigantia, A Orixe e Enviroverde.
Eixovisión-Proxecto Barbook é unha aplicación social enfocada ao sector servizos. Con ela, Alberto Chousal, Alejandro Montero e Redouane Mehdi queren facerse un oco no mundo das aplicacións web que potencian a interacción entre personas.
Tamén queren fomentar ese contacto, pero a través dunha metodoloxía moi diferente e cuns obxectivos específicos, na Cooperativa de Iniciativa Social Brigantia, de Rita Carreira, Lucía González, Belén Martínez e Carla L. Mendes. Mediante a fórmula cooperativista, estas emprendedoras do eido social e educativo procuran un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudable fóra do consumismo e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galegas.
Pola súa banda, Sergio Martínez, Sandra Rodríguez e Rubén Rodríguez son os promotores de A Orixe, un proxecto comercial enfocado ao acopio, acondicionamento, envasado, distribución e comercialización de produtos agrarios de calidade diferenciada, de xeito especial do pemento de Arnoia.
Tamén relacionado co agro preséntase Enviroverde, unha inciativa de Miguel Pinal Trashorras. O seu proxecto empresarial procura a creación de alternativas reais ao uso masivo de fertilizantes inorgánicos, así como aos usos intensivos do solo, facendo unha consideración do campo non só dende un punto de vista produtivo senón tamén como un todo onde se teña en conta tamén o entorno que o rodea.