Tecnópole dálles a benvida aos novos proxectos empresariais da Preincubadora Incuvi-Emprende

Unha aplicación social enfocada ao sector servizos; unha cooperativa de programas e actividades de ocio e tempo libre saudable e en galego; unha empresa de comercialización de produtos do campo galegos de calidade; e unha proposta de ecoagricultura para a creación de alternativas ao uso masivo de fertilizantes inorgánicos. Estes son os catro proxectos gañadores da quinta edición dos Premios Incuvi-Emprende da Universidade de Vigo que dende este mes ocupan o seu niño na preincubadora de Tecnópole.

Deixan eses niños os proxectos gañadores da última edición: MeigaLabs, enfocada ao deseño e desenvolvemento de videoxogos, e IbeeAgro, de monitorización agrícola, que, ao amparo da primeira edición dos Premios Incuvi-Avanza, trasládase agora ao Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) para finalizar o seu proceso de maduración empresarial e saír xa ao mercado.

A presentación dos proxectos ourensáns gañadores nas dúas categorías de premios tivo lugar en Tecnópole. O acto contou coa participación dos representantes das entidades promotoras e colaboradoras nestes premios. Deste modo, ademais de Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; e Ricardo Capilla, director de Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, estiveron Juan Carlos Parada, presidente da Cámara de Comercio de Ourense; Jaime Pereira, secretario xeral da Confederación Empresarial de Ourense; Xosé Antón Vila, director do CITI; Ana Méndez, vicepresidente da Asociación de Xóvenes Empresarios de Ourense; Emma González, directora adxunta e secretaria da Fundación Expourense, e os promotores dos proxectos seleccionados e premiados.

Destacando como, dende a súa creación, os Premios Incuvi-Emprende deron acubillo a arredor de 150 iniciativas emprendedoras, Salustiano Mato exaltou “o talento, a valentía e a paixón” dos mozos emprendedores e emprendedoras da Universidade de Vigo. A todos eles e elas, o reitor recalcoulles que “queremos ser aliados estratéxicos vosos para que vos sintades orgullosos da vosa universidade”. Mato subliñou que precisamente estes premios foron creados como instrumentos de fomento e aproveitamento de todo o potencial emprendedor e universitario.

Pola súa banda, o director xerente de Parque Tecnolóxico de Galicia, Ricardo Capilla, expresou a súa satisfacción por poder ofrecer instalacións e servizos gratuítos aos emprendedores na Tecnópole, “pero sobre todo por darlles a oportunidade de desenvolver o seu proxecto nun ámbito empresarial no que poderán atopar clientes e socios, ademais de aprender da experiencia doutros que xa fixeron o camiño”.

Dúas iniciativas que se consolidan e catro que nacen

Os gañadores dos I Premios Incuvi-Avanza, destinados a dar o último empuxón na consolidación, recolleron de mans das autoridades presentes os seus diplomas. O proxecto Meigalabs, de José Antonio Tesouro, Xabier Losada e Javier López, estase a consolidar como estudo de desenvolvemento especializado en servizos de gamificación, apps e videoxogos para plataformas móbiles, conseguindo máis de 500.000 descargas en todo o mundo do seu videoxogo Corrupt Mayor Clicker.

Pola súa banda, iBeeTel Solutions, centrada en servizos de enxeñería software e hardware, está a ultimar o seu proxecto iBeeAgro, un Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola que optimiza a produción e asegura aos produtores a calidade e a eficiencia de recursos.

Os proxectos galardoados nos V Premios Incuvi-Emprende, que se incorporan agora á preincubadora Tecnópole-Universidade de Vigo, son Eixovisión, a Cooperativa de Iniciativa Social Brigantia, A Orixe e Enviroverde.

Eixovisión-Proxecto Barbook é unha aplicación social enfocada ao sector servizos. Con ela, Alberto Chousal, Alejandro Montero e Redouane Mehdi queren facerse un oco no mundo das aplicacións web que potencian a interacción entre persoas.

Tamén queren fomentar ese contacto, pero a través dunha metodoloxía moi diferente e cuns obxectivos específicos, na Cooperativa de Iniciativa Social Brigantia, de Rita Carreira, Lucía González, Belén Martínez e Carla L. Mendes. Mediante a fórmula cooperativista, estas emprendedoras do campo social e educativo buscan un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudable fóra do consumismo e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galegas.

Pola súa parte, Sergio Martínez, Sandra Rodríguez e Rubén Rodríguez son os promotores do A Orixe, un proxecto comercial enfocado ao amoreamento, acondicionamento, envasado, distribución e comercialización de produtos agrarios de calidade diferenciada, de xeito especial o pemento de Arnoia.

Tamén relacionado co campo preséntase Enviroverde, unha iniciativa de Miguel Pinal Trashorras. O seu proxecto empresarial busca a creación de alternativas reais ao uso masivo de fertilizantes inorgánicos, así como aos usos intensivos do chan, facendo unha consideración do campo non só dende un punto de vista produtivo senón tamén como un todo onde se teña en conta tamén o ámbito que o rodea.

(Fonte: Tecnópole)