Tecnópole -Parque Tecnolóxico de Galicia- aumenta a súa nómina de empresas coa incorporación de tres novas iniciativas de negocio á súa incubadora principal, o Centro de Empresas e Innovación (CEI), segundo autorizou o Consello de Administración da entidade na reunión celebrada esta mañá en Ourense.
n
n
n
Backtoreality SL é unha empresa de nova creación especializada no desenvolvemento, produción e comercialización de uniformes de protección persoal (contra o lume, impactos, ácidos, balística, etc.) con marca propia e con base en tecidos técnicos certificados. Co proxecto ‘Protectextiles’ pretende desenvolver diferentes tecnoloxías e melloras de procesos, tanto no uso de novas composicións de materiais e fíos, como en tecidos específicos, acabados especiais, deseños e confeccións ergonómicas, coa finalidade de transferir á prenda resultante as propiedades innovadoras desexadas.
n
n
Os principais sectores aos que esta empresa dirixe os seus produtos son o da seguridade privada, policías militares, bombeiros, petroquímica, automoción e equipos de protección de nova xeración en fase de I+D+I. Aínda que a comercialización está orientada a todo o mercado internacional, diríxese principalmente a mercados emerxentes como Brasil, Asia e o Oriente Medio.
n
n
Xunto con esta, o Consello de Administración autorizou a instalación no Centro de Innovación e Empresas de dúas consultoras: Advanced Innovation Consulting SL, de servizos de apoio á xestión da innovación, e Fomento y Gestión Local SL, dedicada ao desenvolvemento de aplicacións informáticas para a xestión administrativa dos concellos e a traballos de consultoría en proxectos relacionados coa cultura, o medio ambiente e o turismo, destinados ao sector terciario e á administración local.
n
n
Proxecto de ampliación
n
n
Os membros do Consello de Administración foron informados tamén esta mañá sobre o estado do proxecto de ampliación da superficie da Tecnópole das 55 hectáreas actuais a 97. O proxecto de urbanización presentado no Concello de San Cibrao das Viñas foi aprobado e publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense o día 16 de maio, estando a punto de rematar o prazo de información pública.
n
n
Por outra parte, o Ministerio de Industria Turismo e Comercio, no marco da convocatoria de 2011 do Programa de Reindustrialización, acaba de resolver a concesión dun préstamo de 300.000 euros para executar obras por importe de 600.000 euros ao longo deste ano.
n
n
Cátedra Tecnópole
n
n
Entre outros asuntos, os membros do Consello de Administración foron informados tamén sobre o traballo realizado este ano no marco da Cátedra Tecnópole, un programa desenvolvido en cooperación coa Universidade de Vigo para dinamizar e desenvolver proxectos conxuntos de I+D+i entre grupos de investigación universitarios e as empresas e institucións situadas no Parque Tecnolóxico de Galicia.
n
n
Neste ano 2011 son 15 as empresas e centros que desenvolven proxectos no marco da Cátedra: Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, Contact Comunicación, Intellectia Bank, Kinétika Innovacións Estruturais, Telémaco, Redegal, Conexiona Telecom, Cis Madeira, Ideit, Enyiris, Limaia, Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, Egatel, Vicente Agromayor e Sonen. Catro delas contan xa con bolseiros da Universidade traballando nos seus proxectos, mentres que as outras se atopan á espera de alguén do perfil demandado.
n
n
O perfil do alumno que buscan as empresas é sobre todo estudantes de Informática -Técnica ou Superior-, aínda que tamén se solicitaron alumnos de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos ou de Enxeñería Técnica Agrícola; Administración e Dirección de Empresas ou de Económicas; e de Enxeñería de Telecomunicación e de Ciencias Físicas.
n