Os catro equipos de emprendedores procedentes do Campus de Ourense foron distinguidos na 6ª edición dos premios INCUVI-Emprende, convocados pola Uvigo e nos que Tecnópole colabora cedendo espazo durante un ano.
En concreto, os proxectos que se aloxarán no edificio CEI do Parque son Kuattro Marketing Digital, de Andrés López Fernández; Nutrición integral en tu empresa, de Melanie Sol Biloni; Ouvir, de Estefanía Estévez Cacheiro; e Ridesport, de Eva Robledo Rivera.
Argerey aproveitou para poñer á súa disposición todos os servizos e espazos que Tecnópole ofrece ás empresas e centros tecnolóxicos. Ademais, lembrou o apoio da Xunta ao emprendemento innovador e destacou neste ámbito dous instrumentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria: a Rede de Aceleradoras de Galicia e os fondos de capital risco. A través da primeira, ofrécese formación e financiamento a ideas empresariais innovadoras, o que permitiu apoiar máis de 500 proxectos nos últimos catro anos a través dun investimento de 12 millóns de euros. Nela inclúense iniciativas como Vía Galicia, a Business Factory Auto ou Agrobiotech. Por outra banda, os fondos de capital risco XesInnova, I2C e Galicia Iniciativas Emprendedoras xa levan apoiado 60 iniciativas empresariais a través de participación en capital ou préstamos por preto de 12 millóns de euros.
Os premios INCUVI-Emprende e INCUVI-Avanza
O obxectivo dos premios INCUVI-Emprende é fomentar o espírito emprendedor entre estudantes e persoas egresadas da Universidade de Vigo a través dun concurso de ideas que proporciona, aos proxectos emprendedores dos tres campus, un programa de preincubación dun ano. Mentres, a finalidade dos premios INCUVI-Avanza é ampliar o apoio, durante un ano máis, a aqueles proxectos empresariais galardoados na convocatoria anterior dos premios INCUVI que resulten máis viables.
A Universidade de Vigo ofrece as actividades formativas e de asesoramento e titorización dos proxectos no caso dos premios INCUVI-Emprende, así como tamén a estadía no seu Centro de Investigación, Transferencia e Innovación de Ourense (CITI) para o premiado INCUVI-Avanza no Campus de Ourense.
Catro máis un
Kuattro Marketing Digital é unha iniciativa de Andrés López, egresado da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, Miguel Madriñán e Adrián Santos. A súa proposta é de “asesoramento e deseño de solucións estratéxicas e operativas de márketing dixital, que optimicen a presenza online de calquera modelo de negocio, permitindo achegar o negocio aos seus consumidores de forma práctica, eficaz e rendible”. “A nosa misión para este ano é estar á altura das circunstancias”, afirmou Andrés López na presentación.
Da mesma facultade nace Ridesport, un proxecto emprendedor de Eva Robledo Rivera. Trátase dunha plataforma online de economía colaborativa cuxa finalidade é o turismo deportivo. Nela, os turistas/viaxeiros a un destino poderán pórse en contacto con persoas locais que practiquen o seu mesmo deporte, compartir gastos de desprazamento, así como o material requirido para a actividade e coñecer novos emprazamentos do seu deporte favorito desde un punto de vista local.
Outro dos proxectos empresariais gañadores desta edición é o de Melanie Sol Biloni, procedente da Facultade de Ciencias. “O meu proxecto consiste nun programa de benestar global para as empresas. A través del detéctanse necesidades puntuais dos empregados da organización e se ofrecen solucións estratéxicas para que melloren a súa calidade de vida”, resumiu a nutricionista arxentina. A idea, apuntou, nace tendo en conta a ausencia de nutricionistas na rede sanitaria pública.
Por último, desde a Facultade de Ciencias da Educación xorde OuVIr, unha iniciativa da educadora social Estefanía Estévez. A súa proposta céntrase en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo, dende cognitiva a intelectual, e persoas en situación de dependencia, ofrecendo asistencia persoal.
Nesta edición dos Premios INCUVI-Avanza, que tratan de consolidar os dous mellores proxectos gañadores da pasada edición de INCUVI-Emprende, saíron seleccionados dous proxectos, un deles, chamado Brigantia, do campus de Ourense. Lucía González e Rita Carreira, graduadas en Educación Social, propoñen en Brigantia un espazo onde crear e desenvolver programas e actividades que promovan a igualdade e o respecto polo medio ambiente, avivar un ocio e tempo libre saudable fóra do consumismo, e onde promover e fomentar a lingua e a cultura galega. Elas continuarán no CITI, tamén na Tecnópole, a maduración do seu proxecto.