Tecnópole convértese na capital da robótica para escolares

Tecnópole dedica este ano a súa programación de verán para escolares á robótica. Á espera do comezo do campamento tecnolóxico o 1 de xullo, esta semana está a desenvolverse o primeiro taller de robótica, que aínda conta con prazas dispoñibles para a edición do mes de xullo.

Os talleres puxéronse en marcha como resposta á extraordinaria demanda rexistrada tras a apertura da inscrición na terceira edición do campamento tecnolóxico de verán de Tecnópole (T2W), que esgotou as prazas dispoñibles en moi pouco tempo.

Co obxectivo de que ningún rapaz ou rapaza dos que quedaron fóra da inscrición no T2W pasen o verán sen a súa porción de robótica, Tecnópole está a celebrar esta semana o primeiro taller dirixido a estudantes de 9 a 13 anos de idade en horario de 10:00 a 14:00 horas. O de xullo, que terá lugar entre os días 20 e 24, aínda ten prazas dispoñibles.

A través de experiencias didácticas divertidas, os participantes achéganse á tecnoloxía a través de nocións prácticas de construción e programación de robots.

Para garantir a atención personalizada aos asistentes por parte dos formadores, os talleres teñen un auditorio máximo de 20 participantes. O custo é de 121 euros por alumno/a e está previsto celebrar outros dous máis en agosto e setembro, que abrirán o prazo de inscrición nas próximas semanas.

(Fonte: Tecnópole)