Tecnópole contará cun Centro de Investigación en Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas

O director xeral de I+D+I, Ricardo Capilla, presentou esta mañá o proxecto TECMEVA (Tecnoloxías Médicas de Vangarda), que suporá a posta en marcha durante este ano 2010 dun Centro de Investigación en Novas Tecnoloxías Cirúrxicas Minimamente Invasivas na Tecnópole. Capilla, tamén vicepresidente do Parque Tecnolóxico de Galicia, asegurou que a nova instalación científico-tecnolóxica que se ubicará no edificio Tecnópole I, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, é “punteira na súa especialidade en Galicia”.

O novo centro dedicarase á investigación aplicada, á transferencia de coñecemento, á formación en técnicas de Laparoscopia convencional e Fetoscopia -especialidade na que será pioneiro na Comunidade galega- e á introdución na visualización laparoscópica  en 3D. Ademais, desenvolverá liñas de deseño de instrumental de quirófano máis ergonómico e adaptado ás intervencións pediátricas e sobre fetos.

O denominado TECMEVA foi deseñado polo Parque Tecnolóxico de Galicia e pola Sección de Cirurxía Pediátrica do Complexo Hospitalario de Ourense (CHOU). Por este motivo, acompañaba a Capilla na presentación celebrada esta mañá o xefe desta unidade do CHOU, Manuel Garrido Valenzuela, ademais da directora de Tecnópole, Luisa Pena.

O centro dirixirá a súa actividade a hospitais, universidades e empresas relacionadas co sector sanitario, coas que o Parque Tecnolóxico de Galicia buscará establecer acordos para a explotación dos resultados da actividade científico-tecnolóxica.

O proxecto para a creación desta infraestrutura está xa en marcha grazas ao financiamento de 1,73 millóns de euros captado pola Tecnópole procecente do Plan Nacional de I+D+I, a través do Subprograma de Apoio a Actuacións Científicas e Tecnolóxicas en Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (ACTEPARQ) do Ministerio de Innovación e Ciencia, dotado con fondos FEDER.

Capilla garantiu o compromiso económico da Consellería de Economía e Industria co TECMEVA para a fase de consolidación, dada a consideración do centro como instalación científico-tecnolóxica estratéxica para Galicia.

As instalacións e o equipamento inicial do centro estarán formados por un quirófano estéril experimental para Laparoscopia en 3D, Fetoscopia e outras técnicas cirúrxicas minimamente invasivas que precisen de condicións de esterilidade, con capacidade de gravación e transmisión de imaxes; outro quirófano con catro postos para o adestramento en técnicas laparoscopicas convencionais; dous habitáculos de hospitalización para ingreso e seguimento dos animais; unha  unidade de simulación virtual coa que adquirir habilidades no manexo de instrumentos cirúrxicos; e unha sala de vídeoconferencia.

Investigación, transferencia de coñecemento e formación

O centro situarase no edificio Tecnópole I -que alberga tamén a Lanzadeira de Empresas Biotecnolóxicas e un laboratorio especializado en biotecnoloxía-, o inmoble máis recente e moderno do Parque Tecnolóxico de Galicia.

A súa actividade desenvolverase, en primeiro lugar, na área da investigación e da experimentación. Neste sentido, TECMEVA será pioneiro en Galicia na denominada Fetoscopia, unha novidosa técnica que permite obter mostras de sangue fetal, realizar biopsias e levar a cabo intervencións cirúrxicas complexas introducindo a través da parede abdominal materna un fino instrumento dotado de iluminación por fibra óptica e de canal de traballo para instrumental cirúrxico. A pesar das súas posibilidades, esta tecnoloxía aínda é moi recente e precisa dunha intensa labor de I+D para mellorar as súas capacidades e reducir os riscos derivados, que polo de agora son elevados. No Hospital Vall d’Hebron de Barcelona están a levarse a cabo diversas liñas de investigación relacionadas con doenzas coma a hernia diafragmática conxénita, a espiña bífida ou a rotura prematura de membranas, polo que xa se estableceron os primeiros contactos para abrir vías de colaboración en materia de investigación cando o TECMEVA estea en fase operativa.

Ademais, o centro contará con equipamentos de Laparoscopia en 3D, unha técnica que perfecciona a convencional proporcionando unha visión natural de profundidade, o que facilita a localización dunha maneira máis fácil e segura. A pesar das súas vantaxes, o elevado prezo destas tecnoloxías fai polo de agora inalcanzable a súa adquisición aos centros hospitalarios oficiais e limita o seu uso á experimentación e a aprendizaxe. Debido a isto, un dos obxectivos do centro é contar cos recursos necesarios para fomentar a súa aprendizaxe por parte dos facultativos galegos e para avanzar no seu desenvolvemento.

Por outra parte, o centro terá como obxectivo a transferencia do coñecemento xerado a partir da súa labor cara á comunidade científica e médica, para o que estará dotado dun sistema de vídeoconferencia que garanta a difusión das labores de investigación entre a comunidade científica e favoreza os intercambios de información a distancia, incluíndo a demostración experimental, que pode ser de gran utilidade a nivel docente. A transferencia de resultados orientarase tamén cara á industria. A xestión do novo centro, que recaerá directamente sobre a Tecnópole, inclúe a buscar acordos de colaboración con empresas de material cirúrxico para o desenvolvemento de instrumental máis ergonómico e, en especial, adaptado ás técnicas aplicadas a nenos e fetos.

O terceiro eixe de actuación do novo centro será a formación, mediante a organización de cursos teórico-prácticos destinados aos especialistas en Cirurxía, aos MIR (médicos internos residentes), aos estudantes dos últimos anos da Licenciatura de Medicina e mesmo aos profesionais e estudantes de Enfermaría. Para que a formación sexa o máis efectiva posible, o centro contará con equipos de simulación que convertirán as prácticas nun exercizo moi cercano á realidade clínica.