Identificar a talentos precoces con capacidade para converter as súas ideas en proxectos empresariais con proxección real no mercado é o obxectivo da Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga), que lanza, coa colaboración do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) o proxecto ‘Talentos da Innovación e da Creatividade. Todos a competir!’, en abreviado ‘TIC-TAC!’, unha iniciativa que se enmarca no Ano Europeo da Creatividade e da Innovación.
Búscase incentivar a novos estudantes con aptitudes creativas e innovadoras, dotándoos de habilidades prácticas que lles faciliten seguir o camiño do éxito como futuros empresarios. Poden participar en TIC-TAC! os estudantes da ESO, bacharelato ou FP que, apoiados polos seus profesores, dispoñan dun carácter emprendedor e ideas que poidan converterse en produtos ou servizos innovadores.
Da idea ao plan de negocio
O programa consiste en que os estudantes, en base a dinámicas de traballo en equipo propias dunha empresa que nace, expoñan varias ideas propias, seleccionen a que máis posibilidades comerciais teña e a desenvolvan até convertela nun plan de negocio con todos os seus compoñentes. Para logralo, os alumnos serán adestrados por formadores saídos da Universidade e dos equipos técnicos de Feuga e Tecnópole, sendo guiados por mentores de empresas galegas, ademais de emprendedores que achegarán as súas experiencias a modo de casos prácticos.
Para completar o proxecto, celebraranse dous obradoiros presenciais sobre creatividade e innovación. A primeira xornada celebrarase o vindeiro xoves 15 de outubro na sede central de Feuga en Santiago, estando prevista posteriormente unha segunda sesión o 4 de novembro na sede de Tecnópole, en Ourense. Nestes obradoiros, os formadores achegaranlles dunha maneira práctica os conceptos relacionados co emprendemento innovador para que seleccionen a súa mellor idea e lle dean un enfoque de negocio, con todos os seus elementos asociados (estudo de mercado, plan de produción, plan de mercadotecnia, etc.). Despois de cada un deles, haberá dúas fases de traballo en equipo non presencial que culminarán nunha exposición final de proxecto.
No mes de novembro, os participantes poderán dar a coñecer os seus proxectos ao público nunha sección especial de ‘Galiciencia 2009’, a feira científica que Tecnópole organiza en Ourense cada ano con motivo da Semana da Ciencia.
‘TIC-TAC!’ é unha iniciativa pioneira en Galicia promovida por Feuga no Ano Europeo da Creatividade e a Innovación e apoiada pola Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT).