Tecnópole colabora coa Universidade de Vigo no seu novo Máster de creación, dirección e innovación na empresa

O novo ‘Máster Creación, Dirección e Innovación na Empresa’ da Universidade de Vigo comezará a impartirse no curso 2008-2009 coa colaboración activa da Tecnópole. O programa de posgrao, que abre o seu período de preinscrición o vindeiro martes 1 de xullo ata o 14 de agosto, impartirase na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus Universitario de Ourense e conta co patrocinio das Consellerías de Innovación e Industria e Traballo e de varios grupos empresariais.

Este Máster integra dous ámbitos de especialización interrelacionados: a creación e dirección de empresas e a xestión da innovación, a tecnoloxía e a calidade. Terá unha duración de 90 créditos durante tres cuadrimestres académicos. A docencia impartirase en sesións de xoves e venres pola tarde e sábado pola mañá no período comprendido entre a última semana de setembro de 2008 e a primeira semana de xuño de 2009. O terceiro cuadrimestre corresponderá á realización de prácticas dos/as alumnos/as en empresas ou en organizacións de soporte á investigación e innovación, e á realización do traballo fin de Máster.

O persoal do Parque Tecnolóxico de Galicia experto en temas de innovación colaborará na docencia do programa durante o primeiro semestre de 2009. Tamén apoiará ao alumnado na elaboración do proxecto de creación de empresa –unha das partes centrais do curso- mediante o seu gabinete de viabilidade e apoio a emprendedores e organizará visitas aos centros tecnolóxicos e empresas da Tecnópole para os alumnos.

Ademais, o papel do Parque Tecnolóxico de Galicia será fundamental no terceiro cuadrimestre do Máster, xa que ofrecerá apoio na organización das prácticas, difundindo a posibilidade de acoller alumnos en prácticas entre as empresas da Tecnópole e trasladándolle o interese das empresas á Universidade de Vigo.

O tempo de realización de prácticas por parte de cada estudante non será inferior a 480 horas e, a fin de achegar unha remuneración para a súa realización, farase unha convocatoria de bolsas propia entre o alumnado.

 Premio ao mellor proxecto empresarial

En colaboración con Caixa Galicia, o Parque Tecnolóxico de Galicia e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, convocarase un premio ao mellor proxecto empresarial do alumnado do Máster.

O Parque Tecnolóxico de Galicia colaborará ofrecendo asesoramento ao alumnado para a elaboración do proxecto de creación de empresa, Caixa Galicia realizará unha achega monetaria a fondo perdido para a posta en marcha da iniciativa empresarial premiada e a Universidade de Vigo contribuirá poñendo a disposición da/o alumna/o premiada/o un espazo na Tecnópole para o desenvolvemento da iniciativa durante o seu primeiro ano.

 Patrocinio público e empresarial

O Máster conta co patrocinio das consellerías de Innovación e Industria e de Traballo, da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), do Parque Tecnolóxico de Galicia e da Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo pola parte pública. O financiamento privado procede de Caixa Galicia, a Fundación Eulogio Gómez Franqueira e os grupos empresariais Cuevas, Hispamoldes, Pérez Rumbao e Copasa.

A información detallada sobre o Máster e as condicións para realizar a preinscrición están dispoñibles en: http://www.fcetou.uvigo.es/mastercidie/