Tecnópole colabora coa edición galega do programa internacional de emprendemento Startup Pirates

Tecnópole colaborará coa edición galega do programa internacional de aprendizaxe para desenvolvemento de ideas de negocio Startup Pirates, que terá lugar entre o 3 e o 10 de maio en Ourense. Ademais de participar na formación e o xurado, Parque Tecnolóxico de Galicia premiará os membros do equipo gañador cun espazo na súa sala de coworking durante tres meses e medio.

Startup Pirates é unha iniciativa de impulso ao emprendemento dunha semana de duración. Aínda que está aberto a todos os perfís emprendedores, a organización galega pon o foco no emprendemento social para fomentar a xeración de ideas que solucionen retos sociais con modelos de negocio sustentables.

Durante unha semana de duración, de sábado a sábado, e cunha metodoloxía propia validada en diferentes países as persoas que queiran participar aprenderán a desenvolver unha idea de negocio, propia ou incorporándose a un equipo, explorando métodos innovadores para potenciar a creatividade, aprender a validar no mercado potenciais produtos e servizos, comunicar proxectos e deseñar estratexias comerciais.

Os detalles da edición galega serán presentados este venres na sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), entidade socia do evento.

(Fonte: Galicia Startup Pirates)