Tecnópole celebra unha sesión sobre patentes e a presentación do programa COPIT o vindeiro venres 16 de outubro

O vindeiro venres 16 de outubro, en horario de 9 a 14, Tecnópole celebra unha sesión sobre estratexias de protección de activos de propiedade industrial á que seguirá a presentación do Programa de Cooperación con Parques Industriais e Tecnolóxicos (COPIT). A xornada está aberta a todos empresarios, técnicos de I+D, responsables de centros tecnolóxicos e xestores de propiedade industrial interesados en asistir.

A xornada sobre propiedade industrial será impartida por Julio Sande e José Manuel Freire, xerentes en Vigo e Santiago de Compostela da compañía Clarke, Modet & Cº, coa que Parque Tecnolóxico de Galicia ten un acordo para ofrecer servizos gratuítos de asesoramento en materia de propiedade industrial ás empresas situadas no seu recinto. Clarke, Modet & Cº é unha consultora especializada en patentes, marcas, transferencia de tecnoloxía, etc. con oficinas en España e filiais en Portugal e Iberoamérica.

En primeiro lugar tratarase o tema da protección de signos distintivos e a continuación abordaranse as medidas de protección de resultados innovadores.

COPIT

Ás 13.15 e por espazo de 45 minutos a directora de Parque Tecnolóxico de Galicia, Luisa Pena, desglosará para os presentes as claves do Programa de Cooperación con Parques Industriais e Tecnolóxicos (COPIT), unha iniciativa estatal para a mellora da competitividade das empresas dos parques tecnolóxicos e dos polígonos industriais a través de fórmulas de cooperación entre eles. En total, participan no programa 20 parques científicos e tecnolóxicos e 28 polígonos industriais de toda España.

En Galicia, o programa materialízase na colaboración entre o Parque Tecnolóxico de Galicia e os Polígonos Industriais de San Cibrao das Viñas (Ourense) e Sabón (A Coruña), cuxos presidentes, Manuel de la Fuente e Manuel Rivas, respectivamente, intervirán tamén no acto.

Rógase confirmar a asistencia a calquera destes dous actos (ou aos dous) nas direccións de correo electrónico sabela@tecnopole.es ou btejada@tecnopole.es.