Tecnópole cederá espazo na súa sala de coworking aos gañadores da Startup Pirates

Tecnópole cederá espazo gratuitamente na súa sala de coworking aos gañadores da edición galega do programa internacional de aprendizaxe para desenvolvemento de ideas de negocio Startup Pirates, que terá lugar entre o 3 e o 10 de maio en Ourense.
 
Como se explicou esta mañá na presentación do evento na sede da CEO, ademais de participar na formación e o xurado do programa, Parque Tecnolóxico de Galicia premiará aos gañadores con este espazo durante tres meses e medio para o desenvolvemento das súas ideas de negocio.

StartUp Pirates ten o obxectivo de axudar a potenciais emprendedores a desenvolver ideas de negocio nunha semana. Esta iniciativa, de ámbito internacional e que conta con 3 anos de traxectoria noutros países do mundo, celébrase por primeira vez en Ourense e materializarase do 3 ao 10 de maio en sesións intensivas entre os emprendedores (un grupo entre 20 e 25) e os distintos colaboradores que lles axudarán a acelerar a súa idea de negocio.

A CEO, como socio estratéxico da súa implantación en Ourense, becará a 10 dos participantes e colaborará en todo o proceso de formación. Ademais de Tecnópole, tamén cooperan no seu desenvolvemento outras entidades como a Universidade de Vigo, cuxos representantes, acudiron tamén á presentación desta iniciativa.

Patricia Díaaz, María Regueira e Mónica Mura, as responsables do programa en Galicia, explicaron na presentación a metodoloxía das sesións, que se desenvolven formando equipo e potenciando as habilidades comunicativas, e expuxeron as cotas de participación e os premios que ao final do programa reciben tanto os participantes como o proxecto gañador.

A CEO participa como socio nesta iniciativa no seu afán por fomentar o emprendemento nun momento importante para facelo; de feito, o seu vicepresidente destacou na presentación que o aumento rexistrado nas afiliacións á Seguridade Social do pasado mes de marzo débese en maís do 50% aos emprendedores.

Recordou ademais que as leis de emprendimiento que entraron en vigor recentemente facilitaron o labor deste colectivo con medidas como a tarifa plana ou a reducción de carga burocrática, e que “aínda que estamos no bo camiño non é suficiente porque os emprendedores necesitan mellor acceso ao financiamento, e desde aquí aproveitamos para reivindicalo”.

Pola súa banda, Luisa Pena, directora financeira de Tecnópole, destacou o papel desta entidade no mundo do emprendemento, coa posta en marcha da maior incubadora de empresas da provincia, a preincubadora de proxectos que impulsa coa Universidade de Vigo ou a sala de coworking, que dará acollida aos gañadores desta edición de StartUp Pirates.

Alberto Vaquero, director do área de Descentralización do Campus de Ourense, aproveitou para felicitar por esta actividade á CEO e a Tecnópole, entidades coas que a Universidade colabora asiduamente e ten outros proxectos en marcha. Vaquero recordou as características das denominadas startup ou empresas incipientes até a súa consolidación, e destacou que no programa formativo os participantes terán que levar a cabo xunto á súa idea de negocio, o fomento da creatividade, estudar o mercado ou coñecer aos consumidores