Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia- está a ceder 6000 metros cadrados de superficie no seu recinto, situado no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, para unha plantación experimental dirixida á recuperación baixo criterios de sustentabilidade ambiental dunha variedade de oliveira autóctona desaparecida en Galicia.
A iniciativa está promovida pola empresa Invatia Research, que instalou recentemente o seu centro de I+D en Tecnópole, e foi presentada hoxe no marco dunha xornada organizada con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente para que as empresas do Parque Tecnolóxico de Galicia intercambiasen experiencias no eido ambiental.
Na sesión, celebrada esta mañá no Centro de Empresas e Innovación de Tecnópole, participaron catorce empresas –Invatia Research, Nutri Up, Soluciones Imasdé, Agroamb Prodalt, T-Solar, Sonen, Ingeo, Kinétika, Climadaptación, Laddes Works, Xeoaquis, Formato Verde, Tuconsa e Enyiris-; dous centros tecnolóxicos –AIMEN e o CIS-Madeira-; e o Centro de Innovación, Transferencia e Investigación (CITI) da Universidade de Vigo.
As empresas que operan directamente no sector do medio ambiente e das enerxías renovables presentaron a súa actividade, mentres que os centros e as empresas doutros sectores –principalmente biotecnoloxía e TIC- expuxeron as súas iniciativas de Responsabilidade Social Corporativa relacionadas coa protección ambiental e a sustentabilidade.
Tecnópole expuxo tamén a súa política neste ámbito e reforzou a difusión entre as empresas da ‘Guía de boas prácticas ambientais’ que editou recentemente. O encontro forma parte do ciclo de almorzos tecnolóxicos que a entidade organiza periodicamente para favorecer o coñecemento mutuo entre as empresas e centros tecnolóxicos e de investigación que operan desde o seu recinto, de maneira que se poidan establecer lazos de colaboración.
Plantación de oliveira
A directora de I+D de Invatia Research, María Estévez, expúxolles aos asistentes o proxecto para o que Tecnópole lle cede á empresa de maneira temporal 6000 metros cadrados de terreo.
A empresa está a levar a cabo na Tecnópole a parte experimental do seu proxecto para recuperar unha variedade autóctona de oliveira desaparecida en Galicia co fin de producir e comercializar aceite de alta calidade. No ámbito da produción, as técnicas de cultivo contempladas baséanse na sustentabilidade, polo que o proxecto contempla varias liñas experimentais nas que se analizan propostas encamiñadas á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, a xestión de residuos e a busca de solucións para evitar a utilización de produtos químicos, entre outras.
A partir deste cultivo piloto, a empresa busca a obtención dun aceite de oliva virxe con denominación de orixe propia con propiedades saudables. Ademais, para reforzar o carácter medioambiental do proxecto, Invatia estuda tamén o aproveitamento de subprodutos das plantacións de oliveira e do procesado da oliva para a súa reutilización como produtos de alimentación animal ou para a xeración de enerxía, entre outros.
Por outra parte, a empresa tamén investiga o deseño de devasas biolóxicas de oliveiras para abrir a posibilidade de implantalas nas zonas de maior risco de incendios en Galicia.