Tecnopole avanza na especialización en enerxías renovables coa instalación de novas empresas e progresos no CEER

O Consello de Administración da Tecnópole aprobou hoxe a implantación dunha nova empresa e a ampliación doutra relacionadas coas enerxías solar e eólica e foi informado dos avances nas instalacións do novo Centro de Experimentación en Enerxías Renovables (CEER).

Estas actuacións reforzan o proceso de especialización sectorial do Parque Tecnolóxico de Galicia, que aínda que continuará aberto a empresas innovadoras e centros de todos os sectores, está realizando esforzos singulares nos campos das enerxías renovables e da biotecnoloxía. Á destas empresas súmase a incorporación doutras catro de nova implantación no recinto de innovación de referencia en Galicia.

A empresa galega Saraitsa contará cunha parcela para desenvolver as súas actividades, centradas na enerxía solar, para o que dispón dun equipo portátil fotovoltaico en trámite de obtención de patente na actualidade, que precisa adaptar para diferentes demandas de aplicación (aeroportos, sistemas de navegación, equipamentos militares, etc.). Ademais, a empresa Kinétika Innovacións Estruturais, ampliará as súas instalacións na Tecnópole para complementar a súa liña actual de produtos eólicos co desenvolvemento de produtos auxiliares tamén para o sector fotovoltaico.

No novo Centro Experimental de Enerxías Renovables (CEER), que será inaugurado no segundo semestre do ano co obxectivo de que empresas galegas do sector das enerxías limpas teñan un banco de probas no que testar as súas innovacións, estase a rematar a instalación dos módulos fixos que conforman o sistema fotovoltaico por un total de 67 KW.  

Tamén quedou constancia do remate da construción para despois do verán do Centro de Investigación, Transferencia e Innovación (CITI) da Universidade de Vigo e do estado das obras que están a levar a cabo varias empresas, como é o caso de T-Solar, xa na fase de instalación dos sistemas de maquinaria para comezar a operar en outono.

 Novas incorporacións ao CEI

No Consello de Administración aprobouse tamén a concesión de niños do Centro de Empresas e Innovación (CEI) da Tecnópole a catro novas iniciativas, o que deixa o seu nivel de ocupación no 95%.

A primeira delas é Invatia Research, que se vai dedicar á I+D+I relacionada cos novos cultivos de oliveira que se están establecendo na provincia de Ourense como alternativa á vide. Tamén se instalará na incubadora a empresa Imagos 2005, unha iniciativa TIC que baseará as súas actividades no contorno do desenvolvemento dunha plataforma de telefonía sobre os protocolos IP de internet.

Ademais, Superalia Sistemas contará cun niño para desenvolver un proxecto de I+D en colaboración coa Universidade de Santiago e a empresa CSV, xa instalada na Tecnópole, que consiste nun sistema telemático de control de vehículos.

Cablemat, que xa ten concedida unha parcela, comezará a súa actividade no CEI mentres constrúe o seu edificio. Por último, Xeoaquis, especializada na hidroxeoloxi´a termal e no aproveitamento da enerxi´a xeote´rmica, pasa a un niño na incubadora da Tecnópole logo de iniciar a súa actividade ao amparo da Preincubadora de empresas de base tecnolóxica, un espazo destinado ao desenvolvemento de iniciativas de base científico-tecnolóxica por parte da comunidade universitaria nacido da alianza entre o Parque e a Universidade de Vigo.

 Proxectos

Os membros do Consello foron informados tamén sobre os preparativos da VII Conferencia Internacional da Asociación de Parques Tecnolóxicos de España (APTE), que se presentará publicamente en breve e que se celebrará este ano na Tecnópole no mes de novembro.

Na xuntanza repasáronse tamén os proxectos en execución, que inclúen a dinamización da Rede Galega de Parques Tecnolóxicos, do proxecto de Antenas de I+D e da iniciativa Galicia Innova; o remate do proxecto PARQUE (Potenciación e Afianzamento de Recursos de Uso Empresarial) e as fases finais dos programas Tecnópole Pro-TIC, Tecnópole e-factura e Tecnópole emprende.