En paralelo, será creada outra en Lugo. Estas dúas aceleradoras buscarán favorecer o desenvolvemento de iniciativas vinculadas aos sectores agroalimentario, biotecnolóxico e da biomasa, “por entender que nestas dúas provincias estes proxectos poden ter maior éxito”, segundo precisou o presidente. Os espazos, denominados AgroBiotech, estarán situados no Parque Tecnolóxico de Galicia e no Centro Tecnolóxico Alimentario-CETAL de Lugo.
Entre as súas vantaxes, Feijóo resaltou que, ao compartiren as empresas o mesmo espazo, “facilitarán a transferencia do coñecemento e o acceso á información entre as empresas que traballan en rede” e que lles permitirán “incrementar a capacidade de captación de financiamento público non só galego e español, senón tamén europeo” no marco do Horizonte 2020, cuxas ferramentas financeiras reservan máis de 80.000 millóns para a innovación.
Os dous centros AgroBiotech complementan ás dúas aceleradoras que xa existían en Galicia: ViaVigo, promovida en colaboración coa Zona Franca, na cidade olívica, e Galicia Open Future, situada na Cidade da Cultura de Santiago. “Trátase de que as aceleradoras de empresas non só existan no Eixo Atlántico, senón tamén na Galicia do interior, e ademais vinculadas a sectores que entendemos que teñen capacidade de ubicación no interior”, incidiu o mandatario autonómico.
Para acadar estas metas, a Axencia Galega de Innovación destinará ao programa 750.000 euros no primeiro ano, co obxectivo de beneficiar a 15 pemes innovadoras nuns espazos que teñen vocación de permanencia.