Tecnópole acollerá o ciclo de formación especializada de xestores de innovación da Rede XIGA

Tecnópole acollerá o ciclo de formación especializada que seguirán os 75 preseleccionados para formar parte da Rede de Xestores de Innovación de Galicia (XIGA), promovida pola Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria.

A convocatoria para que as pemes galegas e os profesionais interesados en formar parte da Rede XIGA presenten as súas candidaturas estará aberta até o 24 de xuño, con toda a información e os formularios dispoñibles na plataforma www.redexiga.es.

A Rede XIGA será o resultado dun programa piloto de formación de técnicos especialistas en materia de innovación e a súa incorporación a 60 pemes galegas. A Dirección Xeral de I+D+I farase cargo do adestramento de 75 profesionais -previamente seleccionados a través dun proceso competitivo- para convertelos en expertos na xestión de proxectos innovadores e cofinanciará os custos laborais dos 60 mellores durante os seus primeiros tres anos como parte do persoal das pemes beneficiarias.

O labor que os xestores de innovación levarán a cabo nas pemes que os contraten centrarase en identificar proxectos e potencial de I+D+i nas empresas; analizar convocatorias de axudas públicas no ámbito da innovación, definir, planificar e documentar memorias de proxectos de I+D+i; e xestionar proxectos de innovación na empresa, individuais ou cooperativos.

As pequenas e medianas empresas participantes nesta acción do Programa para o Impulso da Innovación das pemes galegas, promovido por Economía e Industria, recibirán axudas para facer fronte aos gastos derivados da contratación destes expertos, que se materializarán no 70% do custo laboral o primeiro ano, o 50% o segundo, e o 30% o terceiro, sobre un importe máximo de 30.000 euros para o salario bruto anual e a cota empresarial da Seguridade Social, a tempo completo.

Deste xeito, a Xunta quere contribuír ao financiamento destes novos postos de traballo nas pemes durante a súa etapa de consolidación, co obxectivo de aliviar os custos da empresa, até o punto no que se comecen a producir retornos do investimento nos proxectos de innovación xestionados por estes expertos. O orzamento total para abordar esta actuación no trienio 2010-2012 ascende a 5 millóns de euros.

Formación de xestores expertos

Os aspirantes a xestores expertos en innovación deberán posuír unha titulación superior obtida nos últimos anos, dominar o inglés tanto escrito como falado e ter carné de conducir. A experiencia laboral previa e a acreditación dun máster relacionado coa innovación puntuarán a favor dos candidatos.

Durante os próximos meses terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia o programa de formación intensiva dos 75 candidatos seleccionados con 320 horas de sesións presenciais sobre temas relacionados coa xestión da innovación (sistemas de xestión da I+D+I, xestión administrativa e económica de proxectos de I+D+I, novas tecnoloxías, vixilancia tecnolóxica, fiscalidade da innovación, xestión da calidade, etc.). Os asistentes terán dereito a unha bolsa de formación de 400 euros brutos mensuais durante os dous meses lectivos. Os 60 que obteñan a mellor puntuación ao final da formación serán os integrantes definitivos da Rede XIGA.

Polo que se refire ás empresas, os requisitos que deben cumprir para poder solicitar a incorporación dun destes expertos son reunir a condición de peme (menos de 250 empregados); atoparse ao corrente en todas as súas obrigas fiscais; e ter experiencia previa en iniciativas de innovación e/ou plans en firme de abordalas nun futuro inmediato.

A incorporación laboral dos xestores de innovación nas 60 pemes beneficiarias do programa terá lugar durante o segundo semestre de 2010, co apoio financeiro da Consellería de Economía e Industria desde a primeira nómina. Estes profesionais traballarán na súa respectiva empresa con total autonomía, pero serán obxecto de seguimento xunto coa actividade innovadora da peme, co fin de garantir o idóneo aproveitamento dos recursos do programa.

Desde o principio, todos os xestores contarán co soporte da Rede XIGA a través dunha plataforma online deseñada con base nas ferramentas 2.0 dispoñibles en internet (redes sociais, foros, repositorios de documentos e todos os recursos dispoñibles para compartir e interactuar). Deste xeito posibilitarase a continua actualización de coñecementos, a posta en marcha de ideas e proxectos que impliquen a cooperación de varias empresas, o intercambio de experiencias, etc.

A continuidade da axuda estará supeditada á presentación de resultados tanxibles ao final do primeiro ano. Estes resultados mediranse tomando como referencia o número de proxectos de innovación identificados, o número de proxectos realizados e en execución e os resultados conseguidos grazas a estes.

As expectativas do programa contemplan que as empresas contratantes de profesionais da Rede XIGA consigan ao final de 2012 un incremento do investimento en innovación dun 30%; un 50% máis de proxectos presentados a convocatorias competitivas de plans autonómicos, estatais e internacionais; e un aumento da facturación ligado á explotación dos resultados dos proxectos.